Desde hoxe, xoves 15, ata as 00:00 horas do vindeiro xoves, 22 de decembro, poderás escoller a palabra que queiras que sexa a gañadora da Palabra do Ano 2016 entre as seis finalistas desta edición.
Recibíronse case duascentas propostas na primeira fase, onde a participación superou as mil catrocentas suxestións. De entre todas as diferentes, o equipo do Portal das Palabras escolleu as seis finalistas, atendendo a tres criterios: as máis populares, as que tiveron unha maior proxección pública ao longo de todo o ano e aquelas destacadas ben pola súa carga significativa, ben pola súa construción morfolóxica. En razón disto, resultaron finalistas os seguintes termos:
xenofobia: a hostilidade contra o que vén de fóra
eleccións: os actos electorais sucedéronse durante todo o ano
populismo: unha práctica política en alza
porcoril: o sorprendente cruzamento de porco e xabaril
irmandade: as Irmandades da Fala fan 100 anos
alburgada: unha mentira que se disfraza de verdade
Para escoller a que queres que gañe tes que entrar na web de Palabra do Ano 2016 e facer clic no botón “Votar” da túa favorita. Podes saber algo máis de cada termo se premes en “Argumento”. Desde alí poderás ir –no caso de que estea recollido no Dicionario– á súa definición. A palabra máis votada será a gañadora. A escolla farase pública antes de que remate o ano.
En 2014 elixistes corrupción e en 2015 refuxiados.
Cal cres que debe ser a Palabra do Ano 2016?