Con máis de 30.000 entradas, Latingal é a primeira aplicación que permite buscar unha palabra latina e atopar a súa definición e equivalentes na nosa lingua propia. Polo de agora, está dispoñible para calquera dispositivo con sistema Android, mais os seus creadores, os profesores Raúl Gómez Pato e José Carracedo Fraga, xa están traballando para desenvolveren unha versión compatible con iOS.
Amais dun xeito pioneiro de adaptar a aprendizaxe das linguas clásicas ás novas tecnoloxías, Latingal é ante todo unha ferramenta útil, xa para a tradución, xa para o ensino medio e superior, pois ofrece múltiples filtros de busca e permite –unha vez descargada a app– a consulta dos termos fóra de liña, sen necesidade de conexión.
O salto da edición impresa ao formato dixital
Nos últimos anos, os proxectos máis innovadores no campo da lexicografía parten de asumir a omnipresenza das tecnoloxías e os dispositivos móbiles. Neste contexto, en 2013, lánzase a aplicación do Dicionario da Academia (dispoñibles as versións 2.0 para Android e a 1.4 para iOS). Latingal vén cubrir agora un oco necesario para a normalización plena da nosa situación cultural e lingüística, ao converter o primeiro Dicionario latín-galego (publicado por Carracedo en Galaxia, 1999) nunha app con maior versatilidade e posibilidades.
Características e opcións de busca
Latingal ten un deseño atractivo e a forma de usala é intuitiva. Conta cun sistema de busca preditiva, que ben pode facerse por palabra, ben aplicando algúns dos filtros da busca avanzada (“comeza por…”, “remata por…”, “contén…”). Ademais, tamén pode especificarse o tipo de palabra e o caso, ou entreterse realizando buscas aleatorias.
Das máis de trinta mil entradas, ofrécese a súa categoría gramatical, o equivalente na nosa lingua e mais indicacións semánticas e de uso, alén de exemplos en ambas as dúas linguas.