agocho

Xogos tradicionais

As XXXII Olimpíadas, terán lugar do 23 de xullo ao 8 de agosto de 2021 no Xapón. Mais, que lonxe quedan esas terras nipoas!!! pero nós imos participar, se vos presta, grazas aos xogos tradicionais.

As diferentes culturas deron orixe a unha gran variedade de xogos e deportes tradicionais que representan a riqueza cultural dun pobo. Daquela promover a práctica destes constitúe unha tarefa importante. Estes entretementos contribúen ao entendemento entre os diferentes grupos culturais e sociais. Teñen unha vantaxe importante, non requiren instalacións, nin equipamento custoso, de aí que sexa ben achegar o xogo e o deporte a todo o mundo, mesmo a aqueles de escasos recursos.

Por todo isto, imos darlles un repaso a algúns, que coñecemos abondo, para divertirnos este verán e brincar un chisco.

mariola | birlos | agocho | chapas | as lombas | billarda | chave | petanca | pilla

Un xogo vello coma o mundo e sinxelo coma ningún, pero divertido se consegues unha panda de colegas abondosa para brincar con eles e un campeiro amplo con lugares onde se ocultar. A pesar da súa sinxeleza, a actividade fomenta a creatividade e a imaxinación dos participantes, xa que hai que pensar onde se esconder e como despistar o buscador. Tamén fomenta a negociación porque, cando se xoga en equipo, hai que consensuar unha estratexia para non perder.

As normas do xogo consisten en que unha das persoas participantes conta unha serie de números cos ollos pechados; mentres, as restantes buscan un escondedoiro algo afastado de quen conta (se non, sería de trampulleiro, porque salvarse resultaría moi doado). Este, por último, cando remate de contar, ten que atopar os agochados, que deben ser discretos e correr a salvarse sen seren vistos.

A orixe do xogo é moi antiga; hai quen di que chegou da China. Na antiga Grecia, segundo Julius Pollux, escritor grego do século II, había un xogo semellante ao actual que chamaban apodidraskinda; hoxe, en grego moderno, denomínase kryfto. Así, en Francia atopamos o jeu de cache-cache; nos países anglófonos, o hide-and-seek; en catalán, o fet i amagar; en portugués, o esconde-esconde… Semella, independentemente de onde se discorrese, que se estendeu ao redor de todo o mundo.

Nós xogamos aos agochos, que é unha variante léxica do substantivo acocho, un derivado que se forma desde o verbo acochar ou agochar e que significa “retirar da vista, poñer en lugar secreto”. Este termo ten unha xénese incerta, segundo Corominas. Outros estudosos apuntan un posible étimo latino, coactare (‘reunir’, ‘concentrar’), pero este non explica coherentemente a súa aparición nas distintas linguas da Península Ibérica (portugués, galego, castelán e catalán), porque as evolucións da fonética histórica de cada unha non son coincidentes. O habitual na fala é empregar a frase xogar ás agachadas ou xogar aos agochos; porén, xorde tamén a variante xogar á lebrescura, inda que o seu uso é moito máis restrinxido. Nesta brincadeira cómpre coñecer tamén o verbo pandar, que indica a acción de quen conta e logo busca os escondidos, e que segundo o Dicionario non é exclusivo deste xogo, senón dunha serie máis ampla de características semellantes, e significa “levar a parte negativa do xogo nalgúns xogos infantís, como ter que coller ou buscar os outros xogadores”. Conta co sinónimo quedar, e a persoa que realiza a acción é o pandote. Na linguaxe das persoas adultas adopta un significado figurado e con connotacións negativas: ‘a persoa que, polo seu carácter, é doada de enganar e asume culpas alleas’.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir