arco

A fotografía da Catedral e o arco da vella publicouna León F. Cabeiro en Flickr

A xeometría di que un arco é a “porción continua dunha curva”. No Dicionario, a palabra ten tamén varias acepcións; todas elas, malia situárense en ámbitos léxicos afastados, comparten un trazo semántico: ‘forma curva’. É arredondada a silueta que describe o elemento arquitectónico e tamén a da arma que dispara frechas, e observamos o mesmo no espectro luminoso do arco da vella ou no do arco voltaico. Xogando a facer asociacións –que é a maneira en que na historia da lingua se xeraron moitos novos significados–, relacionamos o arco coa protección, pensando no espazo central que queda ao abeiro da liña e gorecido por ela. De feito, en latín, o arcus ou arquus era un nome asociado ao verbo arcere, equivalente a ‘conter’, ‘afastar’ ou ‘manter lonxe’, isto é, ‘preservar de algo’ (especificamente, dalgún elemento que pode provocar un dano), o que outra volta nos leva á idea de ‘defensa’ e ‘protección’ (en grego arkéo significa ‘protexer’ e ‘gardar’).

O arco e a arca

Tamén relacionada co verbo arcere está a palabra arca, que xa daquela denominaba un “recipiente para gardar ou transportar cousas”, un tipo de caixa ou baúl. Desde moi cedo –por razón da súa proximidade, tanto no morfolóxico coma a nivel de contido–, as voces arco e arca mesturáronse, e como consecuencia produciuse unha fusión, a efectos de evolución das palabras derivadas, arcano, arcada, arcobotante etc.

Semellan iguais… mais só semellan

Tamén por -arc comezan arcanxo, arcebispo ou arcipreste, e coa mesma secuencia inicial temos palabras con arqu(e/i)-, como arqueoloxía, arquetipo, arquipélago ou arquitectura. Todas elas son variantes do mesmo morfema, arqui-, que nada ten que ver co arc– latino (o de arco e arca), xa que procede do grego arkhé -ês, que en sentido recto tiña por significado ‘a orixe’, ‘o que está no punto de partida’, en tanto que figurativamente debía entenderse como ‘principio’, ‘fundamento’ e mesmo ‘poder’ ou ‘autoridade’.

Hoxe en día, o prefixo arqui– continúa tendo moito rendemento na formación de palabras; funciona dun xeito semellante a super-, como intensificador de adxectivos, en sentido superlativo ou hiperbólico. Un exemplo dese tipo de construción é: “Lembro unha simpática descrición dun linguado que, paradoxalmente, revela as escasas afeccións gastronómicas de Proust, alén da arquifamosa madalena.” (Xavier Paz: Follas de bacallau, 2005).

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir