Xogos tradicionais
As XXXII Olimpíadas, terán lugar do 23 de xullo ao 8 de agosto de 2021 no Xapón. Mais, que lonxe quedan esas terras nipoas!!! pero nós imos participar, se vos presta, grazas aos xogos tradicionais.
As diferentes culturas deron orixe a unha gran variedade de xogos e deportes tradicionais que representan a riqueza cultural dun pobo. Daquela promover a práctica destes constitúe unha tarefa importante. Estes entretementos contribúen ao entendemento entre os diferentes grupos culturais e sociais. Teñen unha vantaxe importante, non requiren instalacións, nin equipamento custoso, de aí que sexa ben achegar o xogo e o deporte a todo o mundo, mesmo a aqueles de escasos recursos.
Por todo isto, imos darlles un repaso a algúns, que coñecemos abondo, para divertirnos este verán e brincar un chisco.
mariola | birlos | agocho | chapas | as lombas | billarda | chave | petanca | pilla
As lombas é un tipo de xogo de nenas e nenos no que se corre, se colle impulso e, por último, se salta con destreza por riba dun obstáculo, que non é outro que un compañeiro ou unha compañeira que se anica, baixando o lombo e agochando a cabeza. Esta sorte de xogador denomínase o pandote —denominación común a outros xogos—, mais tamén se pode chamar burro, xa que a imaxe, cando se dobra o corpo polo lombo, apoiando as mans e os cóbados sobre os xeonllos, recorda á fisionomía dese animal. Todos os participantes deben intentar saltar por riba do que panda e logo, se son quen de chimpar limpamente, correrán a poñerse de pandote, e así sucesivamente, formando unha cadea. Deste xeito, as rapazas e os rapaces practican saltos, coordinación e xogo en equipo, dando como resultado unha actividade lúdica e moi completa desde o punto de vista ximnástico.
Hai diferentes modalidades. Por unha banda están as lombas seguidas, onde non hai un pandote definido: un ponse en posición e comézase a saltar e tamén a colocarse para ser pandote; cando salte o último que está de pé, o primeiro endereitase e comeza a choutar de novo. Por outro lado, pódese xogar aos pasos, á lámpada ou a Arriba, Facu!, onde hai dous equipos: un fai unha estrutura cos corpos dos participantes, onde un deles queda apoiado contra a superficie e os do outro equipo saltan sobre o Facu, manténdose en equilibrio sen tocar cos pés no chan.
A denominación créase pola imaxe que se percibe cando se xoga: sáltase por riba do lombo do que panda. De feito, cando as costas sofren e se deforman fálase de lomba, que o Dicionario define como “curvatura esaxerada das costas ou do peito producida por unha desviación da columna vertebral ou do esterno”. É un derivado feminino de lombo, que procede do termo latino lumbus, -i, que significaba ‘ril’ ou ‘espiñazo’. Este substantivo latino deixou a súa pegada en moitas da linguas da Romanía: lombo, en italiano; lomb, en provenzal; llomb, en catalán; lomo, en castelán; e lombo en portugués. A denominación especializada galega lomba ten abondosos sinónimos: carrela, carrumba, corcova, xiba ou chepa. Esta última tamén se emprega para referirse á actividade lúdica, xa que algúns tamén saltamos á chepa. O vocábulo pandote, definido como “persoa á que lle toca pandar nun xogo”, é unha forma derivada sobre o verbo pandar que, á súa vez, se vincula con pando, que se remonta ao latín pandu e que remite á unha ampla curvatura.