Xogos tradicionais
As XXXII Olimpíadas, terán lugar do 23 de xullo ao 8 de agosto de 2021 no Xapón. Mais, que lonxe quedan esas terras nipoas!!! pero nós imos participar, se vos presta, grazas aos xogos tradicionais.
As diferentes culturas deron orixe a unha gran variedade de xogos e deportes tradicionais que representan a riqueza cultural dun pobo. Daquela promover a práctica destes constitúe unha tarefa importante. Estes entretementos contribúen ao entendemento entre os diferentes grupos culturais e sociais. Teñen unha vantaxe importante, non requiren instalacións, nin equipamento custoso, de aí que sexa ben achegar o xogo e o deporte a todo o mundo, mesmo a aqueles de escasos recursos.
Por todo isto, imos darlles un repaso a algúns, que coñecemos abondo, para divertirnos este verán e brincar un chisco.
mariola | birlos | agocho | chapas | as lombas | billarda | chave | petanca | pilla
Un dos xogos tradicionais galegos máis populares da nenez é a billarda. Dise que, ademais de moi recoñecido, é antigo, dado que xa se menciona nas Cantigas de Santa María do rei Afonso X, é dicir, no século XIII. Pero tamén é internacional, porque podemos atopalo, máis alá do territorio galego, en Cataluña —el bòlit—, en Italia —la lippa—, en Gran Bretaña —tip-cat—, en Eslovenia —pandolo— e nalgúns países de Asia —pati-kubra ou gillidanda—.
Para nós é coñecida como billarda en gran parte da Galicia central, e a orixe do termo remite ao francés billard. En cambio, para as persoas do centro e do sur da provincia da Coruña e do norte da de Pontevedra a mesma diversión chámase estornela, da que se aventura que procede du derivado do latín sturnu (‘estorniño’), quizais polo parecido coa imaxe do paxaro voando cando sae a peza arrebolada. Noutros puntos esparexidos do territorio recoñécese como pinche, cachiza ou pateiro.
O xogo era unha actividade dos días de bo tempo, cando os rapaces e rapazas xogaban á saída da escola, ou para as tardes infindas do verán. Como no caso doutros xogos, non precisaba duns obxectos custosos para iniciar a partida: abondaba con facerse con dous paus e un campo de xogo calquera onde marcar as porterías. Un dos paus, o máis longo —de 50 centímetros, e dun ancho de dous ou tres— tiña que facerse cunha madeira dura e resistente e denomínase palán. O outro, do mesmo ancho, pero moito máis pequeno, debía medir uns quince ou vinte centímetros cos extremos afiados; este é o que lle dá nome ao xogo e chámase billarda ou estornela.
O xogo, para o que hai que formar dous equipos que compiten entre eles, consiste en golpear a billarda nun extremo, levantala do chan e batela co palán para lanzala moi lonxe, e así obter os máis puntos posibles.
A recuperación actual deste xogo tradicional representa todo un éxito. Primeiro organizouse unha Liga Nacional de Billarda, na que acabou habendo tres conferencias e na que se compite por todo o territorio galego. Asemade a Secretaría Xeral para o Deporte organiza un programa de xogos deportivos (Xogade) onde se reserva un espazo para os xogos populares, entre os que estaba a billarda. Hoxe, e desde xullo de 2020 —no DOG número 133—, esta actividade é recoñecida como modalidade deportiva. Valorouse que a práctica da estornela é transmisora de valores propios dos xogos en equipo; ademais, reforza unha xestión sa e sostible do medio natural e fortalece unha tradición galega que é común, e nos une, a sitios moi dispares do globo.