birlos

Xogos tradicionais

As XXXII Olimpíadas, terán lugar do 23 de xullo ao 8 de agosto de 2021 no Xapón. Mais, que lonxe quedan esas terras nipoas!!! pero nós imos participar, se vos presta, grazas aos xogos tradicionais.

As diferentes culturas deron orixe a unha gran variedade de xogos e deportes tradicionais que representan a riqueza cultural dun pobo. Daquela promover a práctica destes constitúe unha tarefa importante. Estes entretementos contribúen ao entendemento entre os diferentes grupos culturais e sociais. Teñen unha vantaxe importante, non requiren instalacións, nin equipamento custoso, de aí que sexa ben achegar o xogo e o deporte a todo o mundo, mesmo a aqueles de escasos recursos.

Por todo isto, imos darlles un repaso a algúns, que coñecemos abondo, para divertirnos este verán e brincar un chisco.

mariola | birlos | agocho | chapas | as lombas | billarda | chave | petanca | pilla

Os birlos son uns paus que se colocan verticalmente para seren derribados grazas a unha bóla de madeira; por metonimia, a denominación do obxecto pasou a designar a diversión. Hai numerosas modalidades deste xogo ao longo do mundo. En Galicia son populares as dos birlos celtas e os birlos ao canteiro, entre outras. Os chamados birlos do canteiro adoitan empregarse no norte da provincia de Lugo: Ribadeo, Barreiros, Trabada e Cospeito, inda que a emigración fixo posible que en Bos Aires, no Centro Galicia, tamén xoguen a eles. A variedade dos birlos celtas é propia do Val Miñor e das zonas próximas.

O obxectivo principal do xogo é guindar ou desprazar o maior número de birlos posibles dunha soa tirada. Estes sempre están feitos de madeira, con diferentes formas, e adoitan colocarse sobre unha pedra que serve como base. A bóla que se lanza é de madeira tamén. Nos celtas precísanse dúas ou máis bólas de madeira resistente, que poden pesar ata tres quilos e que carecen de buratos para suxeitalas, e mais nove birlos. Estes teñen unha altura de ata dez centímetros, estarán torneados ou non, e contan sempre cunha base para mantelos dereitos no chan. Esta modalidade practícase nun terreo chairo no que se delimita unha zona de lanzamento denominada fito. O lugar onde se sitúan os birlos coñécese co nome de lastra. Os birlos colócanse debuxando un rombo e no medio ponse, pintado de vermello, o da máxima puntuación. Detrás dos birlos hai unha área dividida por distancias, porque na modalidade pasabolos hai que intentar mandar o birlo tirado o máis lonxe posible.

Os participantes, dous como mínimo, enfróntanse entre si. A puntuación obtense segundo o lonxe que se chegue a desprazar os birlos: se se alcanza a liña de dez, son tres puntos; se pasas a liña de quince, serán quince puntos, pero se non se chega á liña de dez, o xogador nin suma nin resta. Hai unha segunda quenda, o desquite, onde as tiradas valen tres puntos. As partidas acórdanse a sesenta puntos, e gaña quen antes chegue a acadalos. Tradicionalmente eran frecuentes as partidas dominicais, semana tras semana, e cada parroquia adoitaba ter o seu propio “campo de birlos”.

Este xogo ten unha terminoloxía abondosa que fai referencia aos obxectos que se empregan, así como ás distintas fases e circunstancias do xogo. Pénsase que a palabra birlo ten a súa orixe no baixo latín *pirulus, que é o diminutivo da palabra do latín clásico pirum, ‘pera’, e déuselle este nome pola forma piriforme que adoptaban as pezas do xogo.

Lastra (‘pedra resistente colocada a ras de chan sobre a que se colocan os birlos’) é de orixe incerta, quizais prerromana, e o fito é unha ‘pedra onde se marca a posición da persoa que lanza’; procede do latín fictu, participio pasado de figere, ‘cravar’.

 

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir