Calembur

Esta imaxe é unha adaptación dun calembur gráfico feito por Daniel Montero Galán

Tes que saber que somos moito dos xogos de revolver nas palabras. Seguro que non o imaxinabas 🙂 Case todas as semanas, publicamos algún novo, barallando nas posibilidades que dan os significados. Sempre houbo xogos de remexer no léxico, argallando coas palabras como se fosen pezas, enredando e enredándonos ata case apalpar a maxia pura da linguaxe. O calembur é un deles, quizais dos máis populares, aínda que o seu nome non sexa moi coñecido. Consiste, como recolle a definición do Dicionario, en reagrupar as sílabas dunha ou máis palabras dun xeito distinto, para conseguir un sentido radicalmente diferente. O bonito do calembur é contalo oralmente, por iso o máis habitual é atopalos formando parte de adiviñas e cantigas populares, xa que na fala é onde mellor se disimula a ambigüidade dos dobres agrupamentos; por escrito, é ben máis doado recoñecer o truco:

aí van cen tolas con centolas

Como lembran no fantástico Xogos de lingua, os calembures non son cousa de agora. Xa na antigüidade, os máis creativos ideaban xogos de sílabas, en latín, que aínda hoxe sorprenden:

PERSEVERA, PER SEVERA, PER SE VERA
[Persevera, a través das dificultades, por grandes que sexan]

A historia da palabra calembur é en si mesma tamén curiosa: parece claro que pasou a formar parte do léxico a través do francés calembourg (esta  sería a súa grafía histórica, xa que na lingua moderna se representa como calembour), xa co significado con que hoxe a empregamos.

Todo son brincadeiras

Veña de onde o veña o nome, o calembur é un recurso para moitas brincadeiras. Por exemplo, emprégase no humorismo gráfico, como a viñeta do Carrabouxo que acompaña este texto.

Agora ben, é un tema máis discutido cal é a orixe do galicismo, pois as varias teorías que se atopan sobre a cuestión non puideron ser a día de hoxe comprobadas, e algunhas delas, malia seren ben lucidas para compoñer un relato histórico, presentan non poucas dificultades desde o punto de vista filolóxico. Repasamos algunhas delas: ha etimoloxistas que din que viría do italiano calamo burlare (algo parecido a ‘facer burla cunha pluma’), outros opinan que o seu étimo pode estar no árabe kalembusu, que sería unha ‘palabra que se presta a equívoco’. Incluso pode lerse en varias obras unha sorprendente historia sobre un tal conde de Kalemburg, embaixador de Westfalia na corte de Luís XVI, quen parece ser que era coñecido por meter moito a zoca coa lingua cando tiña de trocar o alemán polo francés, e que por esta razón foi obxecto de escarnio, poético iso si, en varios dos textos satíricos de Georges de Bièvre. Aos que lles pareza rocambolesca de máis esta explicación, aínda poden escoller estoutra que conta que o lúdico calembur sería en realidade unha adaptación do topónimo Kahlenberg, en Austria, onde na alta idade media vivía un párroco que se fixera célebre pola súa moita querenza por este tipo de xogos de palabras.

Hai algún calembur moi básico que se converte, grazas a unha inspiración poderosa, na chave dun relato romántico, como este Uf de Sechu Sende, en Made in Galiza:

UF

Entrou na cafetería, prendeuse naqueles ollos, asombrouse e soubo que atopara algo… Fixo uf e comezou a…, mirouna outra vez e comezou a amala, a querela, pensou, e sentou á mesa máis achegada á cafeteira e sentiu…, uf, que comezaba a…
—Ola —dixo ela—, que queres? 

—Quero… macela.
Ao día seguinte entrou á mesma hora e ela seguía alí e sentiu que, uf, que a quería, en serio, pensou. —Ola —dixo ela—, que queres? 

—Quero… tila.
Ao terceiro día continuaba queréndoa e comezou a imaxinar e a necesitar, ao mesmo tempo, que ela estaba, que ela estivese, comezando a sentir iso tamén, uf. 

—Ola, que queres? 

—Quero… menta.
Ao cuarto día sentiu que xa non podía máis, que tiña que dicirllo. Teño que dicirllo, pensou, uf. 

—Ola, que queres? —dixo ela. 

—Quero… te —dixo el.
Ela abriu os ollos preguntando Como? e el dixo outra vez en baixiño Quero… te. E dixo Quero… te ao día seguinte e Quero… te ao seguinte e ao cuarto día tamén dixo Quero te e entón ela díxolle cos ollos Eu tamén.

Como vimos dicindo, o tranganillo do calembur está no reparto das sílabas e, partindo deste truco, poden compoñerse calembures con múltiples modelos; un tipo son os que se resolven nunha definición fantástica, a partir dunha palabra que se reinterpreta creativamente a través das súas sílabas. Proba a escoller a definición que corresponde a cada un dos seguintes termos:

Termos:

Xaolín
Trebón
Polivalente

Definicións:

Axente destemido, e que vale para todo
Mestre oriental apaixonado pola literatura
Trono de grande qualité

Agora que xa sabes de onde vén o calembur e en que consiste, anímaste a facer algún? Se queres, podes compartilo nas redes do Portal.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir