Montes e serras: A Capelada

A montaña de Galicia : unha volta para 2018

Se no verán de 2017 percorremos as nosas praias, neste ano imos facer un percorrido pola outra face de Galicia.
Coñecida é a dualidade do noso país, con trazos diferenciais entre a montaña e o mar tan marcados que ás veces un pode cambiar de universo nunha breve camiñada. Inda que non pretendemos comezar unha nova xeira de competición xeográfica que xa estamos bastante servidos, este ano o noso cantar vai de montaña:

Anque che son da montaña,
anque che son montañesa,
Anque che son non me pesa.

Montes e serras:

O Cebreiro | O Pindo | O Xistral | A Capelada | O Courel | O Faro | O Xurés | Os Ancares | Pena Trevinca

A serra da Capelada está situada no norte de Galicia, mesmo á beira do Atlántico, nos concellos de Cedeira e Ortigueira, e na parte máis occidental do concello de Cariño, provincia da Coruña. É auténtico balcón ou varanda enriba do océano, cos cantís máis altos da Europa continental (600 metros de caída sobre o mar). As súas alturas máis importantes son o Vixía Herbeira, o monte Limo e o Miranda. Nestes lugares está o célebre santuario de santo André de Teixido, onde “vai de morto quen non foi de vivo”, un dos centros de peregrinación máis concorridos de Galicia, cunha importante presenza na simboloxía da cultura popular.

A etimoloxía da Capelada hai que procurala no étimo capellata, aínda que o seu significado resulta bastante confuso. A interpretación máis estendida asocia o topónimo cun “capelo” de nubes no cume, facendo referencia á súa altura e ás características climatolóxicas da zona. A serra da Capelada sería, neste caso, a serra que leva un capelo enriba, sempre cuberta de nubes.

O cantil de máis altura da Capelada é o de Vixía Herbeira (613 m) cun 80 % de pendente. O termo “vixía”, igual que ás veces o termo “facho” para alturas orográficas, fai referencia á significación posible do lugar, real ou simbólica, como vixiante ou sentinela do mundo. A “herbeira” podemos relacionala coa vexetación, moi especialmente a chamada “herba de namorar” (Armeria maritima), tamén coñecida como“herba empreñadeira”, que nace nos cantís e entre as pedras, marismas e terreos areosos na beiramar, con flores brancas, lilas ou vermellas. A tradición di que poden ou deben apañarse nos rochedos de santo André para gardar amores e ausencias.

A romaría de santo André de Teixido celébrase na primeira semana do mes de setembro (8 de setembro) e aparece xa referenciada no século XII. Seica no lugar había daquela un pequeno mosteiro ou santuario protexido polos condes de Traba, grandes señores da Galicia medieval. O culto a santo André, un dos apóstolos de Cristo, entrou ás veces en competencia co de Santiago en Compostela, ata o punto de que nalgúns lugares de Galicia chámanlle á Vía Lactea o Camiño de santo André, non o Camiño de Santiago, xa que se di que o pano de estrelas remata precisamente na capela do santo. O topónimo Teixido ten que ver co lugar onde había teixos, árbore conífera do xénero “taxus” (Taxus baccata), de crecemento moi lento e madeira dura, que na simboloxía galega, igual ca o buxo, está relacionada coa resistencia, aínda que tamén ten características tóxicas. O termo latino texus vén do grego texón, que significa ‘frecha velenosa’, e alude ás características e á fasquía das follas.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir