Concellos de Galicia (con tres letras)
Chega o verán e o Portal das Palabras volve saír de viaxe por Galicia. En edicións anteriores xa fixemos os obrigados percorridos polo mar e pola montaña, así que desta volta propoñémosvos unha ruta diferente. Faremos parada en lugares cunha curiosidade en común: todos eles son concellos con nomes de só tres letras. Pode soar a excentricidade.. e madía leva se o é! Pero que mellor época para deixarse levar pola sonoridade dalgúns dos topónimos máis breves de noso Nomenclátor! A viaxe pagará a pena, e non só en termos lingüísticos!
Concellos:
O estudoso Edelmiro Bascuas baralla que se trate dun hidrónimo prerromano, quizais unha variante do topónimo Cea (atopámolo escrito nun documento de 1178 como villas de Ceia in Nemancis), forma que se explica por unha relaxación da vogal final, como pasa en laxa > laxe. Ambos os dous topónimos procederían dunha raíz indoeuropea *kei‑ co significado de ‘augas en movemento’. Hai outra hipótese, baseada na pronuncia con seseo deste topónimo, See, que propón a súa orixe nunha derivación da forma latina sinus ‘seo’ (palabra que aínda se utiliza na actualidade polos mariñeiros para designar unha enseada); de modo que para esta o topónimo actual sería o resultado dunha asimilación das vogais. Con todo, ten maior verosimilitude e peso científico a primeira, que nos remite a unha formación paleoeuropea con valor hidronímico.
A singular configuración do territorio de Cee que rodea ao de Fisterra e ao de Corcubión, aos que deixa acurrunchados contra o océano, faino ser un concello que dá ao mar de xeito descontinuo, por seccións de costa distintas (só Narón, Fene, Sanxenxo e O Rosal poden dicir o mesmo) neste caso en tres segmentos. Pola estrema setentrional, atopamos a zona contigua á praia de Nemiña (xa en Muxía) na minúscula ría de Lires. Polo suroeste, a praia de Estorde, na enseada do Sardiñeiro. E no sueste, o porto de Cee-Brens (adxacente ao de Corcubión), que dá servizo á fábrica de FerroAtlántica. Esta costa de Cee remata na praia de Gures, no límite con Dumbría.
O curioso da súa xeografía complétase con outros incentivos, de cronoloxía especialmente moderna. Na capital municipal está o Museo-Colección da Fundación Fernando Blanco de Lema, un filántropo local que doou parte da súa fortuna para construír unha escola de primaria e secundaria no concello, actual sede do museo. Máis ao sur, o castelo do Príncipe, unha antiga fortaleza defensiva do século XVIII para gornicións situada en oposición ao Castelo do Cardeal localizado na ribeira oposta da ría, onde a pretensión de ambos os dous era protexer a ría desde dous lados. Seguindo na mesma dirección meridional pola costa, a factoría baleeira de Caneliñas, abandonada e xa case na estrema do municipio. Por último, xa no concello de Dumbría pero non por iso que haxa que deixar de visitar, o cadoiro do Xallas, a única fervenza fluvial europea que cae directamente ao mar. Tras vir de pasar varios encoros para dar á enseada de Ézaro, desde 2012 está aberta ao público con espectáculos de luz e auga durante as noites das fins de semana do verán.
Un persoeiro nado en Cee en 1639 foi Domingo Antonio de Andrade que, inda que ía para cura, destacou na historia da arte galega como arquitecto, xa que a el debemos a Torre do reloxo da Catedral de Santiago de Compostela, a Casa da parra e a Casa da Conga na praza da Quintana e en San Domingos de Bonaval a tripla escaleira helicoidal considerado un dos elementos singulares do patrimonio arquitectónico compostelán. Por todo isto e o resto da súa obra a Real Academia Galega de Belas Artes decidiu dedicarlle o Día das artes galegas 2020.