Xogos tradicionais
As XXXII Olimpíadas, terán lugar do 23 de xullo ao 8 de agosto de 2021 no Xapón. Mais, que lonxe quedan esas terras nipoas!!! pero nós imos participar, se vos presta, grazas aos xogos tradicionais.
As diferentes culturas deron orixe a unha gran variedade de xogos e deportes tradicionais que representan a riqueza cultural dun pobo. Daquela promover a práctica destes constitúe unha tarefa importante. Estes entretementos contribúen ao entendemento entre os diferentes grupos culturais e sociais. Teñen unha vantaxe importante, non requiren instalacións, nin equipamento custoso, de aí que sexa ben achegar o xogo e o deporte a todo o mundo, mesmo a aqueles de escasos recursos.
Por todo isto, imos darlles un repaso a algúns, que coñecemos abondo, para divertirnos este verán e brincar un chisco.
mariola | birlos | agocho | chapas | as lombas | billarda | chave | petanca | pilla
Na Galicia de mediados do século XX, antes de que o televisor se convertese nun obxecto de entretemento habitual nos fogares, non era estraño ver xogar nas eiras das tabernas, ao cerrado da noite, á chave. A aparición e difusión deste xogo, que entraba en competición directa coas cartas, parece que están relacionadas coa expansión do ferrocarril.
Sexa como for, a chave converteuse nun xogo popular galego. Consiste en lanzar, desde unha zona de tiro na que se sitúan os xogadores, uns discos redondos e planos, os pesos ou peletres, para que impacten sobre unha peza metálica, a chave, colocada a unha distancia de aproximadamente catorce metros. Particípase individualmente, por parellas ou por equipos. Os pesos deben impactar na chave o maior número de veces. A chave colócase de tal xeito que teña un caixón atrás ou unha gabia para que non roden os pesos porque, cando non se bate na chave, valorarase canto de preto queden do fito chantado. Coñécense tres modalidades: a chave de Ourense, a de Ferrolterra e a de Santiago; as diferenzas entre elas están na forma que adopta a chave. Na variante de Ourense —tamén en Pontevedra e no Morrazo— está composta por dúas aspas que se moven en dirección horizontal, sendo máis ampla a inferior e máis curta a que queda por riba. A de Ferrolterra difire da anterior na forma da chave, posto que só ten unha aspa que xira verticalmente, e en que para puntuar tes que bater e facela xirar dando unha volta completa. A de Santiago ten forma de punta de lanza e vai colocada nun cepo. Semellante a esta é a modalidade que se xoga en Bergantiños, na que se gaña a maior puntuación cando se impacta nela, sen necesidade de tirala.
A denominación chave remite ao latín clave, que designaba a ‘chave’ ou a ‘tranca’. O campo de xogo chámase eira, e procede tamén do termo latino area, que significaba ‘superficie plana’, pero tamén atopamos as denominacións ‘horta’, ‘campo’ ou ‘praza’. O que se lanza é o peso, voz que procede do equivalente pensu (‘certo peso da la para fiar’), e os seus posibles equivalentes son peletre, denominación coincidente coa empregada noutros xogos, pero tamén pello, forma que se rexistra nos dicionarios históricos de Carré Alvarellos, de Franco Grande e de José Ibáñez Fernández