Día Europeo das Linguas

Ilustración utilizada na comunicación da UE sobre o Día Europeo das Linguas

O Consello de Europa leva anos celebrando cada 26 de setembro o Día Europeo das Linguas co obxectivo de destacar esta riqueza patrimonial, así como sensibilizar a poboación sobre a necesidade de preservala e motivala de cara á aprendizaxe de linguas.

Aínda que é difícil facer un cálculo exacto, segundo os datos facilitados por este organismo, no continente europeo desenvolvéronse máis de duascentas falas distintas repartidas entre cincuenta países, cálculo que non ten en conta outras formas de expresión traídas pola poboación inmigrante. Pode parecer un número elevado, pero realmente a variedade lingüística é maior nos demais continentes. Por facermos unha comparación, só no arquipélago das Filipinas xa se falan máis de cen e en todo o planeta contabilízanse varios miles das que as europeas supoñen un 3%.

É sabido que as fronteiras políticas e os dominios lingüísticos case nunca coinciden, o cal pode supoñer que unha mesma lingua se identifique de distinto xeito ou teña diferente recoñecemento oficial a ambos os lados do mesmo linde.

Só hai vinte e catro oficiais na Unión Europea, aínda que nos países membros se falan outras sesenta consideradas rexionais ou minoritarias, concepto que se define na Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias do ano 1992 como aquelas linguas empregadas dentro dun estado por un grupo de persoas numericamente inferior ao resto da poboación dese estado. Algo distinto serían as linguas non identificables con territorios, que, alén do dito para as anteriores, presentarían a característica de que non se poden asociar cunha área xeográfica particular.

Calcúlase que un total de 40 millóns de persoas utiliza algunha das chamadas linguas rexionais ou minoritarias

Calcúlase que un total de 40 millóns de persoas utiliza algunha destas linguas rexionais ou minoritarias e destas, de acordo co estudo levado a cabo pola UNESCO, poucas se poden considerar fóra de perigo polo que respecta á súa supervivencia. Na última edición deste estudo, do ano 2010, o cambio de criterios utilizados fixo que se deixase de cualificar o galego como lingua en perigo, a inmensa maioría destes idiomas aparecen sinalados con indicacións preocupantes –algúns deles foron obxecto de comentario na serie publicada polo Portal das Palabras, como o irlandés, o flamengo, o sardo…– , dos que unha ducia estarían en estado crítico, como a lingua dos livos ou livonianos, que non chega aos dez falantes ou a variedade de goidélico da Illa de Man, que se está tratando de recuperar despois de que o último falante nativo falecese máis de corenta anos atrás.

Neste contexto, a Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias é un acordo dos países membros do Consello de Europa do ano 1992, ao que se foron sumando outros estados ata chegar a case cincuenta, que pretende ser un instrumento de promoción e defensa das linguas minoritarias, para as que sinala uns ámbitos concretos de actuación, como o ensino, a xustiza, os servizos públicos ou os medios de comunicación. En calquera caso, cómpre termos en conta que está redactado polos estados, sen a participación directa destas comunidades de falantes, o que marca o enfoque do que se parte. Ademais, tamén se criticou que se trate dun texto de libre adhesión, podendo cada estado decidir con que idiomas e en que grao se compromete, xa que a propia Carta prevé que poida formular reservas a algúns parágrafos. Alén do anterior, o documento carece de capacidade para obrigar ao seu cumprimento.

Neste aniversario do Día Europeo das linguas agardamos que as vindeiras xeracións continúen mencionando a riqueza léxica da lingua saami para se referir á neve ou aos renos ou que non cheguen a vivir a morte da última persoa falante da lingua tsakonia, único descendente do dórico que chega aos nosos días, como xa soubemos tristemente a da derradeira falante nativa da lingua dos livos ou livonios, falecida hai tres anos.

Parafraseando o lingüista británico George Steiner, “cada lingua é unha ventá que nos permite ver a paisaxe dunha maneira única, polo que, ao aprendermos unha lingua nova entramos da súa man a un mundo novo”.

Outros recursos


Linguas europeas no Portal das Palabras.

Achegamento a diversas linguas na serie de idiomas europeos:
EslovenoEstonianoFlamengoFrisónGaélico irlandésGalésLetónMacedonioMaltés e Sardo

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir