Esloveno

Alpinistas no monte Triglav (2.864 m.), o cume máis alto de Eslovenia.
[Imaxe publicitaria para a conmemoración dos 25 anos de independencia]

Este  verán, propoñemos unha viaxe por Europa a través das linguas chamadas minoritarias ou minorizadas. Algunhas son oficiais na UE e outras, como a nosa, non contan con este recoñecemento. Cada semana falaremos dun idioma, do que coñeceremos datos históricos, evolución de falantes, características internas e outras cuestións interesantes. As linguas que escollemos son:

Esloveno  |  Estoniano  |  Flamengo  |  Frisón  |  Gaélico irlandés  |  Galés  |  Letón |  Macedonio  |  Maltés  |  Sardo

Mapa de Eslovenia
Eslovenia nunha vista parcial do Mediterráneo

A República de Eslovenia é un país situado entre Austria, Italia, Croacia e a costa adriática que conta cunha superficie que equivale aproximadamente a dous terzos do territorio galego. Nel  viven algo máis de dous millóns de persoas que maioritariamente falan o idioma de seu, o esloveno (slovenski jezik ou slovenščina), unha lingua eslava meridional da familia indoeuropea, que tamén se fala nalgunhas zonas próximas dos estados limítrofes onde viven minorías históricas eslovenas.

A situación social da lingua

En tanto que Eslovenia formou parte do imperio Austrohúngaro, deuse unha situación diglósica paralela á que nós tamén vivimos: as clases altas falaban alemán mentres que o esloveno era a lingua cotiá das clases populares; por este motivo, existían numerosas interferencias xermánicas no idioma esloveno, principalmente a nivel léxico. Logo da segunda guerra mundial, Eslovenia intégrase en Iugoslavia e isto provocará a discriminación do esloveno por segunda vez, neste caso en favor do serbocroata, ben que este xeito de asimilación bateu coa oposición dos intelectuais e os autores eslovenos máis novos, quen traballaron por un modelo depurado de lingua.

BandeiraEslovenia
Bandeira de Eslovenia

En 1990 Eslovenia celebrou un referendo, non autorizado, sobre a súa independencia que obtivo un apoio do 95%. O 25 de xuño do ano seguinte declarouse república independente. Iugoslavia decidiu entón empregar a forza, dando comezo á chamada Guerra dos Dez Días. Pouco máis dunha semana despois, as tropas iugoslavas retirábanse e asinábase o acordo de Brioni, que lles permitía de feito aos eslovenos continuar o seu futuro en liberdade. Xa co novo estado da República de Eslovenia, a lingua propia pasa a ser o idioma oficial, o que favorece significativamente a súa normalización –emprégase en todas as áreas da vida pública– e estandarización, regulada pola Academia eslovena das Ciencias e as Artes (Slovenska akademija znanosti in umetnosti, SAZU), a través do Comité ortográfico e o Instituto Fran Ramovš da lingua eslovena. Desde a integración na Unión Europea, o esloveno ten a consideración de lingua oficial da UE; ademais, conta con recoñecemento legal na rexión de Friúl-Venecia Xulia mais no territorio de Carintia, no sur de Austria.

Unha lingua con moita variación dialectal

A quen lle pareza que na nosa lingua se dá moita variación interna, con grandes diferenzas dunhas zonas a outras, debe saber que para o esloveno se identifican entre 36 e 46 dialectos distintos, que nalgúns casos nin sequera son comprensibles entre deles. Por outra banda, entre o esloveno e o serbocroata existen algunhas zonas dialectais de transición onde ambos os dous idiomas continúan a ser mutuamente intelixibles.

Como é o esloveno?

No gramatical, é difícil atopar semellanzas entre o esloveno e a nosa propia lingua, aínda que non faltan algunhas cousas que poden resultarnos en certa medida familiares, como por exemplo o sistema fonolóxico, xa que a maioría dos sons do esloveno teñen o seu equivalente no galego. A gramática do esloveno é complexa e presenta características singulares, como por exemplo que se trata dunha das pouquísimas linguas que aínda conservan o número dual do antigo protoindoeuropeo, unha terceira clasificación alén do singular e o plural que nós coñecemos, en referencia a aquelas entidades que constitúen unha parella, como os ollos ou as mans. Tamén na categoría de xénero existen tres opcións: as palabras eslovenas poden ser, como en latín, masculinas, femininas ou de xénero neutro, que para a nosa lingua só se conserva nas formas do demostrativo isto, iso e aquilo.

Para a escritura, emprega o alfabeto latino con pequenas modificacións, e o engadido de diacríticos, como por exemplo varios tipos de acento que, ademais de marcar a sílaba tónica, indican tamén a cantidade vocálica. Con todo, cómpre destacar que, malia que as letras coinciden no esencial coas nosas, os fonemas que representan son en moitos casos diferentes, isto é, que as mesmas letras se len de maneiras distintas.

A última redacción do estándar esloveno publicouse no ano 2003, a mesma data en que viu a luz a edición revisada das Normas Ortográficas e Morfolóxicas do idioma galego.

 

Reproducimos, a xeito de exemplo, as tres últimas estrofas –a sexta, sétima e oitava–, do poema Zdravljica, en esloveno “Saúde”, ou “Un brinde”, escrito en 1844 por France Prešeren, o máis famoso poeta da literatura eslovena. O 27 de setembro de 1989 a estrofa sétima foi escollida como himno nacional de Eslovenia.

 

Zdravljica

Mladenči, zdaj se pije
zdravljica vaša, vi naš up;
ljubezni domačije
noben naj vam ne usmŕti strup;
ker po nas
bode vas
jo sŕčno bránit klical čas!

Živé naj vsi naródi,
ki hrepené dočakat dan,
da, koder sonce hodi,
prepir iz svéta bo pregnan,
da rojak
prost bo vsak,
ne vrag, le sosed bo mejak!

Nazadnje še, prijatlji,
kozarce zase vzdignimo,
ki smo zato se zbrat’li,
ker dobro v srcu mislimo;
dókaj dni
naj živí
vsak, kar nas dobrih je ljudi!

 

Saúde

Rapaces, esperanza nosa,
este brinde é para vós;
Que ninguén apague
o voso amor pola patria;
porque para nós
e para vós
chegou o momento de defendela con ardor!

Vivan todos os pobos
que arelan o día
en que a discordia será erradicada do mundo
e no que cada un dos nosos compatriotas,
será libre,
aquel no que o veciño
non un diaño, será un amigo!

En fin, amigos,
ergamos as copas por nós mesmos,
por nós que estamos irmandados,
porque temos o corazón cheo de bondade;
que vivan longamente
e nunca desaparezan
todos os homes bos!

Vídeo no que un coro canta o himno nacional no alto da torre do Castelo de Liubliana, a capital eslovena.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir