Estoniano

Edificio do Riigikogu, a Asemblea Lexislativa da República de Estonia, no castelo de Toompea, en Tallinn

Este  verán, propoñemos unha viaxe por Europa a través das linguas chamadas minoritarias ou minorizadas. Algunhas son oficiais na UE e outras, como a nosa, non contan con este recoñecemento. Cada semana falaremos dun idioma, do que coñeceremos datos históricos, evolución de falantes, características internas e outras cuestións interesantes. As linguas que escollemos son:

Esloveno  |  Estoniano  |  Flamengo  |  Frisón  |  Gaélico irlandés  |  Galés  |  Letón |  Macedonio  |  Maltés  |  Sardo

Estonia nunha vista do mar Báltico
Estonia nunha vista do mar Báltico

O estoniano (eesti keel, utilizando o propio idioma) é a lingua de Estonia, a república báltica máis setentrional. Aínda que habitualmente falamos das repúblicas bálticas como un conxunto, lingüisticamente o estoniano ten afinidade cos seus veciños do norte, o finés e máis o saami –as tres pertencentes ao grupo ugrofinés–, e non co letón ou o lituano que son linguas indoeuropeas.

O nome do país, Eesti, considérase, en xeral, procedente dunha forma xermánica relativa ao punto cardinal Leste (‘terras do Leste’), mais tamén se comenta a posibilidade de que partise dun termo que no idioma nativo significaba ‘habitantes da ribeira’; e aínda se apunta unha terceira posibilidade, baseada no grego aestia ‘terras manchadas’.

A poboación de Estonia está decrecendo e na actualidade son algo máis dun millón trescentas mil persoas. Delas, os falantes de estoniano representan dous terzos. É ben lembrar que moitos dos habitantes da república proceden de diversos países da antiga Unión Soviética (25% dos cidadáns teñen a orixe en Rusia) e manteñen o ruso como idioma propio. E isto é así incluso sendo o estoniano a única lingua oficial do país e oficial igualmente na Unión Europea, pola condición de Estonia de estado membro desde 2004. Talín é a cidade máis poboada e tamén a capital do estado.

Bandeira de Estonia
Bandeira de Estonia

Polo que respecta ás características da lingua, pódennos abraiar algúns datos… Por exemplo, mentres nós temos sete vogais, eles teñen nove, mais ao poderen ser longas ou breves, fan un total de dezaoito. E as consoantes, ademais de breves ou longas, tamén poden ser extralongas. Por outro lado, sorprende a cantidade de casos da súa declinación, nada menos ca 14, co cal, sumando o singular e o plural, dá 28 posibles terminacións para os substantivos e adxectivos.

Para complicalo algo máis, o territorio divídese lingüisticamente en setentrional e meridional, ambos os dous con posteriores subdivisións, que mesmo contaron con cadansúa gramática e cultivo literario, aínda que o do sur perdeu terreo ata case desaparecer.

Os primeiros textos escritos en estoniano son de carácter relixioso. No século XVI apareceu un catecismo con versión en alemán e estoniano setentrional. Testemuños da variante meridional ou tartu atópanse desde o século XVII.

Como ocorre noutros casos, ten similitude coa nosa historia no que respecta á época en que se desenvolve o seu cultivo literario (segunda metade do século XIX) ou en que aparece a primeira gramática e o primeiro dicionario (finais do XIX e principios do XX, respectivamente). Tamén de finais do XIX data o gran poema épico estoniano, Kalevipoeg, que para os estonianos é a obra mestra da súa literatura.

Ao longo da súa historia, o país estivo dominado total ou parcialmente por Dinamarca, a Orde dos Cabaleiros Teutóns, Suecia, o Gran Ducado de Lituania, Polonia e Rusia. Desde finais do XIX, o nacionalismo estoniano procura a independencia fronte ao Imperio Ruso e no ano 1919, despois da revolución soviética, Estonia declara a independencia, tendo que enfrontarse ao Exército Vermello, que resultou derrotado, mais en 1939 os países bálticos son incorporados á Unión Soviética en virtude do pacto Ribbentrop-Mólotov asinado entre a Alemaña nazi e a URSS.

As repúblicas bálticas non recuperarían a independencia ata 1991, como culminación dun proceso de protestas e mobilizacións bautizado como a revolución cantada: botando man da música, congregábanse en lugares públicos para cantaren xuntos cancións populares prohibidas polos soviéticos, conseguindo vencer, por medios non violentos, unha ocupación caracterizada pola súa dureza. Este movemento comezou nos anos oitenta, mais unha canción, “Mu isamaa, on minu arm” (‘A patria é o meu amor’), xa se convertera nun himno contra os soviéticos, interpretada desafiantemente en festivais de música desde os anos corenta. Abaixo, reproducimos unha versión aproximada en galego como mostra do idioma e un vídeo no que miles de persoas a interpretan.

A letra da canción é un poema de Lydia Koidula que Aleksander Kunileid musicou en 1869 para o primeiro Laulupidu (festival estoniano da canción e a danza).

 

MU ISAMAA, ON MINU ARM
Mu isamaa on minu arm,
kell’ südant annud ma,
sull’ laulan ma, mu ülem õnn,
mu õitsev Eestimaa.
sull’ laulan ma, mu ülem õnn,
mu õitsev Eestimaa.
Su valu südames mul keeb,
su õnn ja rõõm mind rõõmsaks teeb,
su õnn ja rõõm mind rõõmsaks teeb,
mu isamaa.
mu isamaa.
Mu isamaa on minu arm,
ei teda jäta ma,
ja peaksin sada surma ma
ta pärast surema.
ja peaksin sada surma ma
ta pärast surema.
Kas laimab võõra kadedus
sa siiski elad südames,
sa siiski elad südames,
mu isamaa.
mu isamaa.
Mu isamaa on minu arm,
ja tahan puhata,
su rüppe heidan unele
Mu püha Eestimaa.
su rüppe heidan unele
mu püha Eestimaa.
Su linnud und mull’ laulavad,
mu põrmust lilled õitsetad,
mu põrmust lilled õitsetad,
mu isamaa.
mu isamaa.

A PATRIA É O MEU AMOR
A patria é o meu amor,
Entregueille o meu corazón,
Canto para ti, a miña ledicia,
A miña próspera Estonia!
Canto para ti, a miña ledicia,
A miña próspera Estonia!
A túa dor axítase no meu peito
A túa ledicia e felicidade son miñas!
A túa ledicia e felicidade son miñas!
A patria é o meu amor,
Oh, miña patria!
Oh, miña patria!
A patria é o meu amor,
Nunca te vou deixar,
Aínda que deba morrer cen mortes
Pola túa causa.
Aínda que deba morrer cen mortes
Pola túa causa.
Que importan as rexoubas celosas,
Vivirás sempre no meu peito,
Vivirás sempre no meu peito.
Oh, miña patria,
Oh, miña patria.
A patria é o meu amor,
Gustaríame adormecer,
Heime deitar no seu colo,
Miña santa Estonia.
Os teus paxaros cantaranme,
As túas flores medrarán sobre min,
As túas flores medrarán sobre min.
Oh, miña patria,
Oh, miña patria.

“Mu isamaa on minu arm” interpretada no Laulupidu de 2009.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir