Este verán, propoñemos unha viaxe por Europa a través das linguas chamadas minoritarias ou minorizadas. Algunhas son oficiais na UE e outras, como a nosa, non contan con este recoñecemento. Cada semana falaremos dun idioma, do que coñeceremos datos históricos, evolución de falantes, características internas e outras cuestións interesantes. As linguas que escollemos son:
Esloveno | Estoniano | Flamengo | Frisón | Gaélico irlandés | Galés | Letón | Macedonio | Maltés | Sardo
Pompeblêden é o nome en frisón dunha especie de nenúfares que enchen durante a primavera as canles de Frisia, a terra de Mata Hari e do pirata Grutte Pier. Son os corazóns acuáticos que ondean na curiosa bandeira da provincia holandesa (Fryslân), representando as cidades da ribeira (por iso aparecen entre bandas azuis, símbolos do mar) que, en pleno medievo, resistiron a invasión viquinga. O espírito de resistencia acompañou o pobo frisón historicamente e foi decisivo no terreo cultural e lingüístico.
O frisón e a súa familia
Frisia é unha rexión europea que se estende na costa sueste do Mar do Norte polos estados de Holanda, Alemaña e Dinamarca. O idioma do pobo que habita nestes territorios é o frisón ou frisio, da rama occidental das linguas xermánicas sendo, dentro destas, a máis próxima ao inglés, especialmente a nivel fonético mais tamén no léxico, xa que teñen moitas palabras case iguais ás equivalentes anglosaxoas.
Onde se fala frisón?
Nas provincias holandesas de Groninga e Fryslân. Nesta última é idioma oficial xunto co neerlandés; tamén nalgunhas zonas de Alemaña, especialmente nas illas; e continuando a costa cara o norte nalgúns lugares de Dinamarca.
Esta distribución territorial reflíctese con claridade no lingüístico, dando como froito tres zonas dialectais con pouca ou ningunha intercomprensión: o norte de Fryslân é o núcleo do chamado ‘frisón occidental’ (frysk); na rexión alemá de baixa Saxonia, na zona entre os ríos Lauwers e Weser, localízase o ‘frisón oriental’ (friisk); e na zona costeira máis ao norte, entre Alemaña e Dinamarca, sitúase a zona do ‘frisón setentrional’ (fresk).
Temos algo en común?
Na representación escrita do frisón emprégase o alfabeto latino –Frisia foi colonia romana desde o século I ao V–. Outra característica coincidente co noso idioma pode atoparse a nivel sintáctico, xa que a estrutura típica das oracións principais en frisón é Suxeito-Verbo-Obxecto, a mesma secuencia que empregamos nós.
Os falantes de frisón: a situación social
Segundo datos dos propios frisóns, en 2004 existían un total de 612.000 falantes, a gran maioría na provincia holandesa de Frisia. En Alemaña e no sur de Dinamarca moi poucas persoas continúan utilizando a lingua, a maioría delas de idade avanzada, xa que entre a xente máis nova o seu uso e coñecemento están en preocupante retroceso, como advirte o Libro Vermello de Linguas ameazadas en Europa da UNESCO (2005), que a consideran, nestas zonas, en grave perigo.
A forte conciencia lingüística dos frisóns, especialmente na provincia de Frisia, e o seu sentido da propia identidade —avivecidos desde a época do romaticismo, no XIX, polo nacionalismo frisón e de aí en diante— foron o motor que mantivo en marcha a defensa da lingua frisoa, o que permitiu a súa conservación como idioma fronte ao neerlandés e ao alemán. En Fryslân, desde mediados do século XX, asentáronse conquistas sucesivas: en 1937 acéptase o frisón como materia opcional nas escolas primarias, que pasaría a ser obrigatoría en 1980; un ano máis tarde, en 1938, fúndase a Academia da Lingua Frisoa (Fryske Akademy), e en 1943 publícase a primeira adaptación da Biblia. En 1955, declárase oficialmente o frisón como lingua do ensino para os dous primeiros anos da educación primaria e no ano 1956 apróbase o seu uso nos tribunais.
Os avances a nivel político e lexislativo favoreceron as actitudes positivas e a extensión dos usos orais do frisio, de xeito que se calcula que hoxe en día é a lingua nai de máis da metade dos habitantes de Fryslân e continúa consolidándose na comunicación cotiá; con todo, o conflito coas linguas en contacto queda lonxe de estar resolto, as capacidades de uso do frisón descenderon nos últimos anos entre as xeracións máis novas.
Escollemos o himno da provincia de Frisia, De âlde Friezen (Os antigos Frisios), como mostra desta lingua. A letra foi composta polo escritor Eeltsje Halbertsma, mais na actualidade o que se entoa é unha versión abreviada, do XIX, creada por Jacobus van Loon. Nese tempo, a Sociedade para a Lingua e Literatura Frisia (Selskip foar Frysk taal en Skriftekennisse) adoptouno como himno frisio.
Frysk bloed tsjoch op! Wol no ris brûze en siede,
en bûnzje troch ús ieren om!
Flean op! Wy sjonge it bêste lân fan d’ierde,
it Fryske lân fol eare en rom.
Chorus (2x)
Klink dan en daverje fier yn it rûn,
Dyn âlde eare, o Fryske grûn!
Hoe ek fan oermacht, need en see betrutsen,
oerâlde, leave Fryske grûn,
Nea waard dy fêste, taaie bân ferbrutsen,
dy’t Friezen oan har lân ferbûn.
Chorus (2x)
Fan bûgjen frjemd, bleau by ‘t âld folk yn eare,
syn namme en taal, syn frije sin;
Syn wurd wie wet; rjocht, sljocht en trou syn leare,
en twang, fan wa ek, stie it tsjin.
Chorus (2x)
Trochloftich folk fan dizze âlde namme,
wês jimmer op dy âlders grut!
Bliuw ivich fan dy grize, hege stamme,
in grien, in krêftich bloeiend leat!
Chorus (2x)
…
Sangue frisio, erguédevos! Escuma, ferve
e latexa polas nosas veas!
Ven! Cantémoslle á mellor terra do mundo,
a terra frisia, plena de honra e orgullo.
Coro (2x)
Soade entón e retumbade ata lonxe, por todos os lados,
a vosa antiga honra, o frisio chan!
A pesar da ameaza de poderes superiores, desastres ou do mar,
antigo, amado chan frisio,
nunca eses fortes lazos romperon:
os que prenden os frisios á súa terra
Coro (2x)
Indomable, o pobo frisio mantivo, pola súa honra,
o seu nome, a súa lingua e o seu sentido de liberdade.
A súa palabra foi lei, o seu maxisterio modesto e verdadeiro,
opóndose á coerción, viñese de onde viñese.
Coro (2x)
Pobo honrado deste nome antigo,
tende sempre orgullo dos vosos antecedentes!
mantede sempre no cume daquel alto mastro cinsento
un ramo verde e profusamente florido!
Coro (2x)