Galés

A bandeira galesa no Castelo de Harlech, condado de Gwynedd,
un dos símbolos da invasión inglesa

Este  verán, propoñemos unha viaxe por Europa a través das linguas chamadas minoritarias ou minorizadas. Algunhas son oficiais na UE e outras, como a nosa, non contan con este recoñecemento. Cada semana falaremos dun idioma, do que coñeceremos datos históricos, evolución de falantes, características internas e outras cuestións interesantes. As linguas que escollemos son:

Esloveno  |  Estoniano  |  Flamengo  |  Frisón  |  Gaélico irlandés  |  Galés  |  Letón |  Macedonio  |  Maltés  |  Sardo

GalesMapa
O País de Gales nunha vista das Illas Británicas

Os testemuños máis antigos de textos literarios en galés remóntanse ao século VII –segundo outras fontes ao VI–, o que a converte na lingua europea que conta cunha tradición literaria máis antiga, ben documentada en campos como o das leis ou da medicina. Mais, desde o ano 1282 coa perda da guerra contra os invasores, o País de Gales quedou incorporado ao reino de Inglaterra e o galés deixou de ser o idioma exclusivo deste territorio. A penetración da lingua dos ocupantes anglosaxóns foi avanzando, e a partir do s. XVI, coa Lei de anexión de Gales por Inglaterra, o idioma propio desapareceu dos ámbitos oficiais e deixou de ser o medio de expresión das capas altas da sociedade. Algo moi semellante ao ocorrido co galego máis ou menos polas mesmas datas.

BandeiraGales
A bandeira galesa, a Y Ddraig Goch, (o dragón vermello)

O primeiro libro impreso en galés foi de temática relixiosa e tamén a galesa foi a primeira lingua sen estado que en Europa contou cunha tradución da Biblia. Así mesmo, a gran diferenza entre esta lingua e o inglés sumada á necesidade de utilizar o idioma dos fieis para facerlles chegar as ensinanzas relixiosas permitiu que se mantivese neste ámbito.

En galés, a denominación do territorio é Cymru –soa algo así como [kamri]–, ’a patria’, e así figura no lema do país: Cymru am byth (“Gales para sempre”). Cóntase que, no período da invasión anglosaxoa, os habitantes de Gales se chamaban a si mesmos Cymry ‘paisano’. Desta forma partiu a latinizada Cambria, da cal deriva o noso adxectivo cámbrico, así como o nome da lingua, cymraeg. A capital de Gales é Cardiff e o seu territorio ocupa máis ou menos o mesmo ca o noso se restamos a superficie da provincia da Coruña.

A principios do século XIX a proporción de falantes de galés era dun 80% pero a inmigración inglesa, chegada para traballar na minaría, fixo que a cifra se reducise a un 50% a finais de século. Con todo, era tan decidida a defensa da lingua que, cando se estendeu a escolarización obrigatoria —que podería implantar definitivamente o inglés–, nas escolas dominicais impartíanse clases para a alfabetización en galés e a mediados do século XX comezou a ser lingua vehicular nas zonas en que era maioritaria, ao tempo que botaban a andar medios de prensa en galés, co que a lingua medrou en prestixio. Malia estes esforzos, hoxe en día a porcentaxe de falantes non supera o 20% dos tres millóns de galeses e galesas, algo máis de medio millón de persoas, con maior densidade no norte ca no sur.  Ten estatus de lingua oficial xunto co inglés.

Ao tempo o idioma de Cymru chegou a lugares onde houbo unha forte emigración galesa, como Durham, no nordeste de Inglaterra ou, do outro lado do Atlántico, na Patagonia arxentina –onde coincidiron cos nosos emigrantes–, lugar no que hai topónimos en galés e se segue a escoitar falar nesa lingua.

O idioma forma parte, co bretón e o córnico, da división das linguas célticas britónicas e, fóra de que utilizan máis dígrafos ca nós, o alfabeto é o mesmo, non obstante aprender galés non se presenta como unha tarefa sinxela pois, simplemente para contestar “si” ou “non” a unha pregunta teremos que dominar unha serie de opcións en función da persoa e o tempo verbal da pregunta. Tamén nos sorprenderá a mutación na consonante inicial dunha palabra en función do xénero co que se utiliza, trazo común das linguas célticas. Hai catro variedades dialectais aínda que moitas veces resúmense citando a do norte e a do sur. En xeral, é posible a comprensión entre os falantes das catro áreas.

O interese demostrado polos galeses na preservación da súa lingua e o seu forte sentimento de identidade fan que, a pesar da situación actual, se considere o galés a única lingua celta con posibilidade de supervivencia.

Como exemplo, reproducimos a versión orixinal e traducida do comezo do seu himno e un vídeo onde o cantan:

Hen Wlad Fy Nhadau
Mae hen wlad fy nhadau yn annwyl i mi,
Gwlad beirdd a chantorion, enwogion o fri;
Ei gwrol ryfelwyr, gwladgarwyr tra mâd,

Dros ryddid gollasant eu gwaed.
Gwlad, gwlad, pleidiol wyf i’m gwlad.
Tra môr yn fur i’r bur hoff bau,

O bydded i’r heniaith barhau.
Hen Gymru fynyddig, paradwys y bardd,
Pob dyffryn, pob clogwyn, i’m golwg sydd hardd;
Trwy deimlad gwladgarol, mor swynol yw si
Ei nentydd, afonydd, i mi.

Os treisiodd y gelyn fy ngwlad tan ei droed,
Mae hen iaith y Cymry mor fyw ag erioed,
Ni luddiwyd yr awen gan erchyll law brad,
Na thelyn berseiniol fy ngwlad.

A terra dos meus pais é querida para min,
terra de poetas e cantantes, famosos homes de sona.
Os seus afoutos guerreiros, magníficos patriotas,
pola liberdade deron o seu sangue.

País, país, xuro lealdade ao meu país
Mentres o mar sexa o seu muro, nada ocorrerá,
Que sobreviva o vello idioma.

Vella montañosa Gales, paraíso do bardo,
Cada val, cada cantil son belezas,
por amor á patria, tan engaiolantes
os seus regatos e ríos para min.

Se o inimigo oprime a miña terra cos seus pés,
o vello idioma dos galeses vivirá por sempre
A musa non está trabada pola horrible man da traizón
Nin silenciada a arpa do meu país.

 

75.000 espectadores cantan o himno nacional galés no Millenium Stadium de Cardiff antes de enfrontarse contra Inglaterra no torneo de rugby Seis Nacións de 2013. Resultado: Gales 30, Inglaterra 3. ?

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir