Voces de aquí e acolá: Do golpe ao raposo

Raposo galego (Vulpes Vulpes crucigera) e ilustración de Jacobo Fernández Serrano para "O raposo e a mestra" de Manolo Rivas

O golpe é o animal máis antigo no país noso. Por iso sabe a nosa fala” (Álvaro Cunqueiro: Escola de menciñeiros)

Se unha persoa de Burela lle comenta a outra de Allariz que lle vai ensinar un golpe, esta podería pensar que vai ver o resultado dunha contusión, pero alguén da Mariña é posible que se refira a un animal, aquel que na maior parte do territorio lingüístico se coñece como raposo ou raposa.

O nome científico deste bicho rabilongo, Vulpes vulpes  –así era a súa denominación latina–, evolucionou no noso idioma dando golpe, pero tanto este noso resultado como os correspondentes nas demais linguas románicas foron desaparecendo e substituíndose por outras formas, tal como recolle Ana Isabel Boullón en “Onomástica e dialectoloxía: a propósito de raposo e golpe”. Así, apareceron diversas solucións, como botar man de nomes propios, aludir aos seus trazos físicos máis destacados ou ás características que se lle atribúen. Deste xeito, por non amentalo, creouse unha gran cantidade de alternativas populares, como as de raposo ou raposa, que partirían de rabo, algo que identifica sen dúbida este animal.

A forma chegada desde o latín, golpe evitouse por tabú ou superstición, pois ao mencionalo facíase presente unha realidade moi negativa para as familias campesiñas, ao ser un depredador dos seus animais domésticos. Xa que logo, foi perdendo presenza e na actualidade mantense nunha pequena área no norte do territorio onde mesmo vai penetrando a opción innovadora, raposo ou raposa.

Zona xeográfica aproximada da extensión de ‘golpe’. [Do traballo de Ana Isabel Boullón para o libro “Dialectoloxía e léxico”].

 

Citas:

Raposa do Aire. Animal que recibe os nomes de Leonardo, Milmañas, Pedro, Alfonso, Renarte, Zorro ou Golpe. A raposa e o raposo son coma o demo ou coma o trasno: astutos, intelixentes, pillabáns, sagaces, engadadores, tramposos e difíciles de cazar.” (Xoán R. Cuba Rodríguez, A. Reigosa e X. Miranda: Diccionario dos seres míticos galegos).

“Ademais de paxaros, buscaban a cama de todos os bichos bravos que habitaban os montes e as fragas. Lebres, raposos, lontras, esquíos, donicelas, e mesmo gatos monteses, non se libraban das súas esculcas, pero non recibían dano ningún.” (Darío Xohán Cabana: Vidas senlleiras)

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir