Grazas a, por culpa de… e outras

Cando alguén quere expresar unha relación de causa, utilizamos as locucións preposicionais a causa de, debido a, co gallo de (con valor intencional), por causa de, por cousa de (iniciadas con por, que é a preposición causal por antonomasia), a custa de, a forza de, a poder de e a por de (con valor intensivo e reiterativo). Pero algo tan aparentemente aséptico como as preposicións poden non ser en absoluto obxectivas, pois fronte a estas máis neutrais, hai outras que ofrecen un contraste no seu valor.

En principio, os lingüistas din que as preposicións son palabras gramaticais, ou sexa, que non teñen valor semántico e o seu significado é máis ríxido ca o dun nome por exemplo. Con todo, imos ver como na fala tamén as locucións prepositivas poden expresar outro tipo de valores, máis aló dos significados puramente gramaticais.

Entre a graza…

Imos valorar a diferenza entre estas dúas frases: “Grazas a Noa, comemos polbo”, fronte a “Por culpa de Noa, comemos polbo”. Para destacar a percepción positiva que temos dunha causa ou do efecto de algo, usamos grazas a, pois o substantivo graza contén en si o valor de ‘favor, que produce diversión, atractivo, interese, axuda’. Algúns destes valores positivos coinciden co etimolóxico da tamén causal por mor de, procedente dunha aférese de amor, que conservamos noutras expresións como por amor de Deus. Pola súa banda, graza procede do latín gratia, co mesmo significado, e relacionado con gratis, gratuíto, gratitude, gratificar, grato e (con)gratular.

…e a culpa

En cambio, se o que queremos é facer ver a nosa opinión de que a consecuencia é desagradable e de que aínda así a orixe favoreceu ese resultado, utilizamos por culpa de, que encerra o significado de ‘falta, responsabilidade dun prexuízo’. A orixe da nosa culpa é a culpa latina.

Cando a relación causal é negativa, é dicir, cando dun motivo debería seguirse unha repercusión nun sentido distinto ou especialmente o contrario ao que finalmente se obtivo, empregamos a pesar de (“a pesar da oposición de Noa, ao final comemos polbo”), pese a (que) e malia (do latín male habeat, ‘que teña mal’), pero aquí xa non indicamos especificamente se nos gusta ou non o que rematou acontecendo.

Como vemos, cando falamos expresamos as nosas emocións moito máis do que cremos, e é por iso que os demais poden constatar a nosa opinión e perspectiva sen que a manifestemos explicitamente.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir