Irlandés

Fachada de Tigh Laighean, sede do parlamento –o Oireachtas–, na época do Estado Libre Irlandés e actualmente da República de Irlanda

Este  verán, propoñemos unha viaxe por Europa a través das linguas chamadas minoritarias ou minorizadas. Algunhas son oficiais na UE e outras, como a nosa, non contan con este recoñecemento. Cada semana falaremos dun idioma, do que coñeceremos datos históricos, evolución de falantes, características internas e outras cuestións interesantes. As linguas que escollemos son:

Esloveno  |  Estoniano  |  Flamengo  |  Frisón  |  Gaélico irlandés  |  Galés  |  Letón |  Macedonio  |  Maltés  |  Sardo

Bandeira de Irlanda
Bandeira de Irlanda

O irlandés é a variedade de gaélico ou goidélico falado na illa de Irlanda –Éire na lingua propia–, onde, na actualidade, unicamente se mantén como maioritario en pequenas áreas occidentais coñecidas como Gaeltachtaí, derivado de Gaeilge, á súa vez de gaedhealg, ‘irlandés’ na lingua antiga, forma procedente do galés que parece relacionada etimoloxicamente cun suposto precedente protocelta que faría referencia ao habitante ou traballador do bosque e, máis alá, coa raíz indoeuropea weidh– ‘separar’.

Malia levaren baixo dominio inglés desde a Idade Media, considérase que ata o século XIX aínda era o irlandés a lingua predominante, conseguindo resistir situacións de prohibición –desde o reinado de Henrique VIII (1509-1547)–. Naquel tempo tamén se impediu a forma de vestir tradicional e outras manifestacións da cultura nacional como tocar a arpa, que non volvería estar consentida ata fins do XVIII.

Non é de estrañar, entón, que cultura e política foran sempre da man nos séculos posteriores. Así, no “romántico” e cruento levantamento de Pascua, do que hai pouco se fixeron 100 anos, o goberno provisorio estaba composto por cinco persoas dedicadas á poesía, á dramaturxia, á música…, mais un condutor de tranvías e un tendeiro. É dicir, un gabinete no que cinco dos sete membros pertencían ao mundo da cultura.

Chamamento do governo provisional da República de Irlanda creado no Levantamento de Pascua en 1916
Chamamento do goberno provisional no Levantamento de Pascua en 1916

O alzamento foi pouco apoiado, mesmo rexeitado, pola maioría do pobo irlandés, mais vendo a brutal resposta inglesa o país acabou convertendo os participantes –moitos deles axustizados–, en heroes e esta revolta pasou a considerarse o comezo da guerra de independencia que crearía o Estado Libre de Irlanda seis anos despois.

A situación da lingua de Irlanda

Desde a creación da nova república en 1922, promoveuse a lingua propia, pero algunhas das medidas tomadas, como a obrigatoriedade no ensino ou a esixencia de coñecer o irlandés para traballar na administración, non tiveron os efectos inmediatos desexados ao percibírense como imposicións. Deste xeito, a oficialidade lograda polo idioma non veu acompañada por un incremento na súa utilización, que hoxe se sitúa no 11% da poboación, o que supón ao redor de medio millón de falantes.

Irlanda nunha vista das Illas Británicas. A zona raiada representa os seis condados pertencentes ao Reino Unido
Irlanda nunha vista das Illas Británicas. A zona raiada representa os seis condados irlandeses que na actualidade pertencen ao Reino Unido

Ademais de ser a primeira lingua oficial de Irlanda, desde a sinatura en 1998 do Acordo de Venres Santo entre o Reino Unido e Irlanda, ten tamén carácter oficial nos seis condados de Cúige Uladh –o Ulster–, que forman o territorio de Irlanda do Norte, onde xa non se documenta como primeira lingua, e, desde xuño de 2005, incorporouse como idioma oficial na Unión Europea. En 2003, aprobouse a Official Languages Act, que garante a presenza das dúas linguas oficiais de Irlanda nos documentos públicos.

Xunto coa lingua de Escocia e da Illa de Man, o irlandés forma parte do grupo de linguas celtas denominado gaélico ou goidélico. En realidade, estas tres variedades modernas parten do irlandés antigo levado por migracións de irlandeses tanto ao norte de Escocia, onde se conservan falantes nas Terras Altas, como á Illa de Man, onde se trata de recuperar, despois de que o último falante nativo falecera hai máis de corenta anos.

A caligrafía gaélica tradicional, unha evolución particular do alfabeto latino, utilizouse ata mediados do século XX e continúa aparecendo con finalidade decorativa en titulares e rótulos, pero hoxe en día o habitual é o emprego dos mesmos caracteres que temos nós. Pero pódenos sorprender a mutación, característica das linguas celtas, que no caso do irlandés supón unha transformación da consoante inicial da palabra dependendo do son precedente. E, mentres nós utilizamos o acento gráfico para marcar a tonicidade, en irlandés serve para indicar que a vogal é longa.

Coma outras linguas celtas, carece de artigo indeterminado, pero á súa vez diferénciase en que mantén as declinacións dos nomes e outra cousa que nos pode resultar complicada é a combinación que se dá das preposicións cos pronomes. Agora ben, por buscar algo que nos resulte máis familiar, o irlandés organiza os substantivos en dous xéneros gramaticais e para contestar afirmativa ou negativamente non utiliza os adverbios “si” ou “non”, senón que repite o verbo da pregunta.

No territorio lingüístico rexístrase a existencia de tres dialectos principais, localizados no norte, centro e sur do país, con diferenzas importantes entre deles. Hoxe contan tamén cunha variedade estándar, máis coincidente co dialecto do centro, utilizada no ensino, que tratou de simplificar e facilitar a aprendizaxe da lingua para os neofalantes.

Como exemplo de texto en irlandés lembramos unha popular canción tradicional, Oró Sé do Bheatha ‘Bhaile, empregada ao comezo do s. XX, no Levantamento de Pascua e na Guerra da Independencia, como himno revolucionario. Conta con múltiples versións. A que propoñemos está baseada na figura de Gráinne Ní Mháille, unha pirata irlandesa do século XVI, a quen os ingleses chamaban Grace O’Malley. Abaixo de todo, amósanse vídeos das interpretacións que fan The Dubliners e Sinéad O’Connor, entre nós, as máis coñecidas.

 

Óró, sé do bheatha abhaile
óró, sé do bheatha abhaile
óró, sé do bheatha abhaile
anois ar theacht an tsamhraidh.

‘Sé do bheatha, a bhean ba léanmhar,
do ba é ár gcreach tú bheith i ngéibheann,
do dhúiche bhreá i seilbh méirleach,
is tú díolta leis na Gallaibh.

Óró, sé do bheatha abhaile
óró, sé do bheatha abhaile
óró, sé do bheatha abhaile
anois ar theacht an tsamhraidh.

Tá Gráinne Mhaol ag teacht thar sáile
óglaigh armtha léi mar gharda,
Gaeil iad féin is ní Gaill ná Spáinnigh
is cuirfidh siad ruaig ar Ghallaibh.

Óró, sé do bheatha abhaile
óró, sé do bheatha abhaile
óró, sé do bheatha abhaile
anois ar theacht an tsamhraidh.

A bhuí le Rí na bhFeart go bhfeiceam
muna mbeam beo ina dhiaidh ach seachtain
Gráinne Mhaol agus míle gaiscíoch
ag fógairt fáin ar Ghallaibh.

Óró, sé do bheatha abhaile
óró, sé do bheatha abhaile
óró, sé do bheatha abhaile
anois ar theacht an tsamhraidh.


Oooh-ro, benvida á casa,
Oooh-ro, benvida á casa,
Oooh-ro, benvida á casa,
agora que chega o verán

Saúde! Oh, muller, que estabas tan aflixida,
era a nosa ruina que estiveras encadeada.
A nosa bela terra en posesión de ladróns…
e ti vendida aos ingleses!

Oooh-ro, benvida á casa,
Oooh-ro, benvida á casa,
Oooh-ro, benvida á casa,
agora que chega o verán

Gráinne Mhaol vén polo mar,
guerreiros armados a gardan,
son irlandeses, non franceses nin españois…
e derrotarán os ingleses!

Oooh-ro, benvida á casa,
Oooh-ro, benvida á casa,
Oooh-ro, benvida á casa,
agora que chega o verán

Quizais o Deus dos milagres nos deixe ver,
ainda que vivamos só unha semana máis,
a Gráinne Mhaol e un milleiro de guerreiros
dispersando os ingleses!

Oooh-ro, benvida á casa,
Oooh-ro, benvida á casa,
Oooh-ro, benvida á casa,
agora que chega o verán.


Sinéad O’Connor nun concerto en Dublin. (Subtítulos irlandés/inglés)


The Dubliners nun programa de TV. Vese como todo o público coñece e canta a canción

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir