Este verán, propoñemos unha viaxe por Europa a través das linguas chamadas minoritarias ou minorizadas. Algunhas son oficiais na UE e outras, como a nosa, non contan con este recoñecemento. Cada semana falaremos dun idioma, do que coñeceremos datos históricos, evolución de falantes, características internas e outras cuestións interesantes. As linguas que escollemos son:
Esloveno | Estoniano | Flamengo | Frisón | Gaélico irlandés | Galés | Letón | Macedonio | Maltés | Sardo
O letón, ou dito no propio idioma, latviešu valoda, é a lingua falada na república báltica de Letonia e neste caso a extensión lingüística e política veñen coincidir, practicamente. O nome, tanto do país coma da lingua, ten a súa orixe nunha das tribos bálticas de que descenden, os latgalianos, de xeito que Latvija viría sendo ‘terras altas’, en contraposición a outra das rexións en que se divide o país, Zemgale ou ‘terras baixas’. Desde a incorporación á Unión Europea, o idioma é tamén oficial no organismo comunitario.
Aínda que a poboación de Letonia chega aos dous millóns de habitantes, calcúlase que o letón é o idioma materno de algo máis da metade e o número de falantes estimados anda ao redor do millón e medio, é dicir, menos que os de galego. Este feito explícase, sobre todo, polo proceso de rusificación do país que tivo lugar durante o período soviético. Diso deriva que, nas cidades grandes e nas rexións máis orientais, se chegue a dar a situación de que o letón se introduza como segunda lingua en colexios orientados ás minorías lingüísticas existentes. Sirva de exemplo que en Riga, capital do país, só un 40% da poboación ten o letón como lingua materna e os rapaces que se escolarizan alí poden optar por ir a unha escola en ruso, en polaco, en bielorruso, en lituano, en ucraíno, en estoniano ou en hebreo.
Ademais de todas estas, aínda hai outra minoría lingüística, cun estatus especial porque é a única que se considera autóctona no territorio, formada pola poboación que fala livo, do grupo lingüístico ugrofinés. As cifras dadas para este non fan pensar nun futuro moi prometedor: enténdeno menos de vinte persoas pero as que poden falalo non son máis ca cinco.
O letón, igual ca o galego, conta con tres variedades principais e, como ocorre noutras linguas, o que se impuxo como variedade prestixiada é a utilizada na capital do territorio.
Das linguas bálticas pertencentes ao grupo indoeuropeo sobrevive, ademais do letón, o veciño polo sur, o lituano. Malia seren linguas afíns, na actualidade non se chega á comprensión entre os falantes de ambas as dúas.
A principios do século XX revisouse a grafía, tratando de achegala o máis posible á pronuncia. O alfabeto que utilizan resúltanos familiar porque é practicamente o noso, engadindo algúns diacríticos.
Na lingua, atopamos similitudes con outras próximas, como a declinación dos substantivos e adxectivos, utilizando practicamente os mesmos casos ca o latín, pero outros trazos pódennos resultar máis curiosos, como que a orde dos elementos na oración faga que o significado do enunciado varíe. Por se hai quen se anime coa súa aprendizaxe, comentar que a palabra máis longa en letón é pretpulksteņrādītājvirziens, e se ademais queres escoitar como se pronuncia fai clic aquí.
En letón cultivouse especialmente unha poesía de carácter popular, as dainas, composicións curtas, xeralmente cuartetos, musicadas e transmitidas de xeración en xeración, que constitúen un dos sinais de identidade letóns. Mesmo se entoaron no proceso de independencia na que se chamou a “revolución cantada”, cando a poboación das repúblicas bálticas comezou a reunirse espontaneamente en lugares públicos entoando cancións populares prohibidas polo réxime soviético, que se converteron en himnos nacionais. Como culminación destas reivindicacións non violentas, o 23 de agosto de 1989 organizouse unha cadea humana de máis de 600 quilómetros unindo as capitais dos tres países bálticos. Dous anos despois declararon a independencia.
Como exemplo de texto en letón, reproducimos algúns artigos da súa Constitución:
Latvijas Republikas Satversme
1. Latvija ir neatkarīga demokrātiska republika.
2. Latvijas valsts suverēnā vara pieder Latvijas tautai.
3. Latvijas valsts teritoriju starptautiskos līgumos noteiktās robežās sastāda Vidzeme, Latgale, Kurzeme un Zemgale.
4. Valsts valoda Latvijas Republikā ir latviešu valoda. Latvijas karogs ir sarkans ar baltu svītru.
6. Saeimu ievēlē vispārīgās, vienlīdzīgās, tiešās, aizklātās un proporcionālās vēlēšanās.
77. Ja Saeima grozījusi Satversmes pirmo, otro, trešo, ceturto, sesto vai septiņdesmit septīto pantu, tad šādi pārgrozījumi, lai tie iegūtu likuma spēku, ir apstiprināmi tautas nobalsošanā.
Constitución da República de Letonia
1. Letonia é unha república democrática independente.
2. O poder soberano do Estado de Letonia reside no pobo de Letonia.
3. O territorio do Estado de Letonia, dentro dos límites establecidos polos acordos internacionais, consta de Vidzeme, Latgale, Kurzeme e Zemgale [as catro rexións históricas de Letonia].
4. A lingua letoa é o idioma oficial da República de Letonia. A bandeira nacional de Letonia será de cor vermella cunha banda de cor branca.
6. O Saeima [Parlamento letón] será elixido en eleccións por sufraxio universal directo e igualitario, e por voto secreto baseado na representación proporcional.
77. Se o Saeima modifica o primeiro, segundo, terceiro, cuarto, sexto ou setenta e sete artigo da Constitución, as mencionadas emendas, antes de entrar en vigor, serán sometidas a un referendo nacional.