Este verán, propoñemos unha viaxe por Europa a través das linguas chamadas minoritarias ou minorizadas. Algunhas son oficiais na UE e outras, como a nosa, non contan con este recoñecemento. Cada semana falaremos dun idioma, do que coñeceremos datos históricos, evolución de falantes, características internas e outras cuestións interesantes. As linguas que escollemos son:
Esloveno | Estoniano | Flamengo | Frisón | Gaélico irlandés | Galés | Letón | Macedonio | Maltés | Sardo
O macedonio é a lingua oficial da República de Macedonia – independente de Iugoslavia desde 1991–, que está localizada no interior dos Balcáns, no sueste de Europa, e conta con aproximadamente 1.340.000 habitantes. Ademais, o macedonio tamén se fala en Albania (está recoñecido oficialmente no distrito de Korçë), Bulgaria, Grecia, Romanía e Serbia. En total, calcúlase que son arredor de millón e medio de falantes, algo menos ca os falantes de galego. Macedonia non é hoxe en día un país da UE e, loxicamente, a súa lingua non é oficial na Unión. A capital é Skopje. Dentro da República, nalgúns lugares existen, canda o macedonio, outras linguas co estatuto de cooficialidade –como o albanés, o turco, o serbocroata ou o romanés, por exemplo–, debido a unha lei pola cal se considera oficial dun concello calquera idioma falado por máis do 20% da poboación.
En 1944 a rexión de Macedonia integrouse na Federación iugoslava. Nese momento, o macedonio, pasou a ser lingua oficial. Conquistar este status supuxo o triunfo sobre a postura de negación adoptada polos países limítrofes, Grecia e Bulgaria, quen, en contra da opinión maioritaria dos lingüistas internacionais, defendían que o macedonio non era unha lingua de seu, senón un dialecto do búlgaro. Esta opinión bate de fronte cos patróns de evolución histórica do idioma, a tradición literaria consolidada e mais a conciencia dos propios falantes.
Como outras moitas linguas eslavas, o macedonio provén do antigo eslavo eclesiástico (tamén chamado antigo búlgaro), co que mantén unha relación equiparable á que nós temos co latín. O alfabeto macedonio moderno é unha variante do antigo alfabeto cirílico, modificado en trinta e unha letras. Canto á súa estrutura, ten relacións con outras linguas balcánicas do seu grupo, das que a nosa queda bastante afastada. Con todo, tamén contén elementos que non nos resultan tan estraños, como por exemplo, o sistema vocálico, que no macedonio consta de cinco unidades idénticas ás nosas, quitando as vogais medias pechadas anterior e posterior /e/ – /o/; así mesmo, é a única lingua eslava analítica (á parte do búlgaro), isto é, que non ten casos senón que, igual que facemos nós, expresa as relacións sintácticas entre as palabras mediante preposicións, e outros recursos adicionais.
A fixación estándar está en mans do Instituto do idioma macedonio “Krste Petkov Misirkov”. Ademais, tamén funcionan como centros de desenvolvemento científico da lingua a Academia macedonia de Ciencias e Artes mais a Cátedra de idiomas iugoslavos da facultade de Filoloxía da Universidade “Cirilo e Metodio”. A primeira gramática do macedonio publicouse en 1946, tomando como referente os falantes dos territorios centrais. Nos últimos tempos, a cuestión normativa oriéntase polo principio de recortar as distancias entre a lingua escrita e a oralidade, dándolles prioridade ás solucións propias, e deste xeito afastarse con eficacia do búlgaro, onde aínda se manteñen numerosos préstamos rusos e do antigo eslavo eclesiástico.
Escollemos o poema T’ga za jug (Nostalxia do sur) do escritor Konstantin Miladinov que xunto co seu irmán Dimitrije foron figuras clave do rexurdimento da literatura macedonia no século XIX. A peza foi escrita por Konstantin no tempo en que residiu en Rusia e fala da añoranza e o desexo permanente de volver á súa patria. Por esta razón, está considerado a súa composición máis intensa e emotiva, de xeito que chegou a converterse nun referente da literatura en macedonio e un canto xeral de amor polo país. Foi musicado e traducido a numerosas linguas; a continuación, ofrecemos unha posible adaptación ao galego, na que se procura conservar o espírito do poema orixinal. Comezamos coa tradución, logo vai o orixinal e finalmente un vídeo coa interpretación do poema a cargo do pianista Duke Bojadziev e a Orquestra Filharmónica de Cámara de Macedonia.
Nostalxia do sur
Se eu tivese as ás dunha aguia
Podería elevarme voando con elas
Ata as nosas costas, ata os nosos propios lugares
Para ver Istanbul, para ver Kukuš
E para mirar o amencer: é alí
apagado como o é aquí?
Se o sol é alí tan apagado
E se se atopa comigo alí como fai aquí,
Preparareime para unha viaxe máis longa
E marcharei a outras costas
Onde o amencer me saúde brillante
E o ceo apareza cosido de estrelas.
Aquí está escuro, a escuridade rodéame
A escuridade cobre toda a terra
Hai aquí carazo e neve e cinsas,
As treboadas e os ásperos ventos abundan
Néboa todo ao redor, a terra é xeo
E no peito hai fríos e escuros pensamentos.
Non, eu non podo ficar aquí, non
Non podo sentar sobre destas xeadas
Dádeme ás e poñereinas
Voarei cara ás nosas propias ribeiras
Irei unha vez máis aos nosos lares
Irei a Ohrid e a Struga.
Alí o amencer quece a alma
O sol faise brillante no bosque da montaña:
Magníficos agasallos en grande abundancia
Espallados con xenerosidade polo poder da natureza
Mira o lago claro estendéndose branco
ou azulado cando o escurece o vento.
Mira as chairas e as montañas:
A divina beleza está por todas as partes
Tocar alí a frauta unha vez máis para consolo do meu corazón
Deixar que o sol se poña, morrer despois.
ТЪГА ЗА ЮГ
Орелски криля как да си метнех
и в наши стърни да си прелетнех!
На наши места я да си идам,
да видам Стамбол, Кукуш да видам;
да видам дали сънце и тамо
мрачно угревят, како и вамо.
Ако как овде сънце ме стретит,
ако пак мрачно сънцето светит,
на път далечни я ке се стегнам
и в други стърни ке си побегнам,
където сънцето светло угревят,
къде небото дзвезди посевят.
Овде йе мрачно и мрак м’ обвива
и темна мъгла земя покрива;
мразой и снегой, и пепелници,
снлни ветрища и виюлици;
околу мъгли и мразой земни,
а в гръди студой и мисли темни.
Не, я не можам овде да седам!
Не, я не можам мразой да гледам!
Дайте ми криля я да си метнам
и в наши стърни да си прелетнам.
На наши места я да си ндам,
да видам Охрид, Струга да видам.
Тамо зората греит душата
и сънце светло зайдвит в гората;
тамо дарбите- природна сила
со съта раскош ги растурила:
бистро езеро гледаш белеит
и си од ветар синотемнеит;
поле, погледниш или планина,
сегде божева йе хубавина.
Тамо по сърце в кавал да свирам,
сънце да зайдвит, я да умирам.