Que nome teñen as nubes?

Nos últimos días do mes de setembro de 2017, a Asociación Ibérica de Observadores de Nubes celebra en Sarria o seu congreso anual, onde especialistas de procedencia diversa se reúnen para falar das nubes. Nós tamén falamos delas, vémolas pasar, sabémolas necesarias para o ciclo da auga, e gústanos deitar e mirar para elas atopando formas. Tamén desde o punto de vista da lingua, hai moito que dicir sobre elas, da súa nomenclatura científica e tradicional, e os moitos aspectos que se teñen en conta para a súa definición e clasificación.

Que é unha nube?

Segundo a definición do Dicionario, unha nube é a “masa de vapor de auga que se forma principalmente cando as correntes de aire fan que ascenda a humidade da atmosfera, provocando o seu arrefriamento e condensación.” É unha palabra que coñecemos desde sempre e que xa se escribía igual en latín (nubes, -is), estando en orixe vinculada, segundo din os etimoloxistas, á idea de ‘cubrir’. De feito, en latín esta palabra tiña tamén o significado de veo, o que cobre a cara, o mesmo que as nubes cobren o ceo, e que tamén se deixa ver en palabras que conservamos actualmente, como nupcias, as cerimonias onde a noiva acode tipicamente cuberta cun veo. Unha explicación moi amena e doada de entender de como se forman as nubes podes vela neste vídeo.

Todas as nubes son iguais?

As nubes clasifícanse dun modo semellante ao que se emprega para agrupar os seres vivos, distinguindo xéneros, especies e variedades. A Organización Mundial de Meteoroloxía (OMM), responsables do Atlas Internacional das Nubes, diferencia dez xéneros principais de nubes, e todos eles noméanse, fundamentalmente, poñendo en combinación catro elementos léxicos; os xéneros son: cirros, cirrocúmulos, cirrostratos, altocúmulos, altoestratos, nimbostratos, estratocúmulos, estratos, cúmulos e cumulonimbos. Xa que logo, desde o punto de vista lingüístico, a nomenclatura atende a catro núcleos principais: cirros, estratos, nimbos e cúmulos, recollidos todos eles no Dicionario, onde se definen pola súa cor e altura, a silueta e tamén a textura.

Os cirros

Son nubes “de cor branca e aspecto filamentoso, que se forman nas capas altas da atmosfera”. A palabra procede do latín cirrus -i que nomeaba un conxunto de fíos anobelados, ou algunha clase de estrutura filamentosa que lembrase esta figura, como por exemplo un guecho de cabelo en caracol. De feito, a outra acepción coñecida desta palabra, que non ten que ver coa meteoroloxía senón que pertence aos ámbitos da zooloxía e a botánica, refírese aos apéndices filiformes, ou sexa, con forma de fío, que posúen certos animais e plantas, como por exemplo os do percebe ou os filamentos que lles medran ás vides, cos que se suxeitan e gabean, e que, precisamente por esa utilidade, tamén se chaman gabiáns.

Os cúmulos

A aparencia é o aspecto que destaca na definición deste tipo, unha “nube grosa de formas arredondadas e de cor branca, máis brillante polos bordos, que parece de algodón”. En latín, o étimo cumulus –i nomeaba un agrupamento, entendido no sentido de montón, coa silueta que tipicamente se asocia cun monte ou montaña, vistos de lonxe. Dado que a base característica do cúmulo é horizontal, a súa forma imita a dunha montaña de algodón ou neve, e de aí o nome que se lle atribuíu.

Os estratos

Tal como se le no Dicionario, son un tipo de nubes que se caracterizan por semellar “unha capa de néboa de pouco espesor”, un sentido que logo relacionamos coa acepción que este termo ten no ámbito da xeoloxía, onde se emprega para denominar cada unha das capas minerais de sedimentos que se poden distinguir no interior das rochas. Ambos os dous significados, o da xeoloxía mais o da meteoroloxía, proceden da mesma base etimolóxica, que é a voz latina stratum, -i, a partir do supino do verbo sternere, que tiña principalmente o significado de ‘estender’ ou ‘cubrir’. Derivado do verbo, o nome serviu para lle chamar ao cobertor que se emprega de roupa da cama e tamén para outros tipos de cobertura, ata que, xa no galego moderno, foi recuperado como cultismo, principalmente no ámbito científico, nas acepcións que máis arriba quedaron ditas. Así mesmo, tamén tivo rendemento léxico como constituínte en palabras compostas, por exemplo, estratosfera, a capa da atmosfera situada a partir dos seis e ata os cincuenta quilómetros de altura.

Os nimbos

A definición deles di que son nubes “escuras e densas de aspecto uniforme e contornos vagos”, ou sexa, nubes cargadas que se van desfacer en chuvia. Precisamente, para os antigos habitantes de Roma, nimbus –i, era a ‘nube de chuvia’, aínda que tamén contaba cun significado moito menos físico, aludindo á nube que segundo a mitoloxía envolvía a figura dos deuses, unha masa luminosa que, coa chegada do cristianismo, pasou a interpretarse como a auréola ou halo de luz que arrodea a cabeza de Deus, dos anxos, dos santos e mesmo os obxectos sagrados. Fóra de crenzas místicas, nimbo tamén se lle chama, en astroloxía, ao círculo luminoso que se aprecia ao redor de certos corpos celestes en determinadas circunstancias meteorolóxicas.

Palabras para falar das nubes, que nos distinguen

Ao carón da nomenclatura científica que vimos de analizar, existen outras palabras que serven, na lingua común, para caracterizar e identificar as nubes, xa que mirar para elas, observalas e poñelas en relación con aspectos do día a día, non era un labor exclusivo dos científicos e especialistas, antes ben, trátase dun costume que se fixo desde sempre, e máis aínda na sociedade tradicional e agraria, cando era preciso ter moi claro cal ía ser o estado do tempo. O Dicionario recolle varias palabras, relacionadas coas nubes, de carácter patrimonial, como poden ser toeiro, cachorro e castelo, tres voces sinónimas empregadas, cunha certa distribución dialectal, para lle chamar á típica nube que anuncia a tronada, ou toa, de aí o nome da primeira citada. O verbo toar –equivalente de tronar– herdámolo directamente do latín, tonare, conservando ata o día de hoxe o mesmo significado que tiña na orixe. Sobre cachorro e castelo, o máis probable é que xurdisen como usos figurados a partir do significado habitual destes dous substantivos.

Tamén nun sentido figurado hai que entender que nalgunhas zonas se lle chame barra á “nube alongada que se ve ás veces despois de poñerse o Sol”, polo seu contorno, que por esa hora do día se percibe en contraste, como unha barra ou a tranca que asegura portas e ventás, que era o significado que tiña a palabra en latín popular.

Tamén no momento do atardecer, ou ao abrir ao día, é cando poden contemplarse as rubiéns (ou roibéns), as nubes que iluminadas polo sol desas horas se perciben tinxidas de vermello, ou rubio (roibo), a cor da que toman o nome e que herdamos do latín rubeus, a mesma voz que aparece na base doutras palabras como rubéola, rubor ou rubefacción.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir