O “h” no interior da palabra: inhumar / exhumar

Exhumación de restos nunha foxa común da guerra civil española

Por que os verbos inhumar e exhumar (e os substantivos inhumación e exhumación) inclúen un h?

A razón está na etimoloxía, xa que as palabras proceden do verbo latino humare, ’soterrar’, ao que se lle engaden os prefixos in- ou ex-, ampliando así o significado para indicar ‘meter algo na terra’ e ‘sacar algo da terra’, é dicir, ‘enterrar’ e ‘desenterrar’. Deste xeito, igual que soterrar ou enterrar proceden de terra, o verbo latino humo, humare tamén procede dunha palabra co significado de ‘terra’, que nós conservamos tal cal, aínda que aplicándoa a unha das partes das que está composto o solo: o humus.

 

Terra, homes… e máis

 Da mesma raíz que humare, proceden humanus e humanitas, que se refiren ás persoas que habitan a terra: os humanos e a humanidade (esta transferencia de significados aconteceu tamén en hebreo, onde o nome da terra, adama, tamén se usa para o ser humano, que nos chegou como o bíblico Adán). De aí que inhumano e inhumar teñan a mesma orixe en última instancia, pero non o mesmo significado. Tamén da mesma raíz e do mesmo significado é home, ’varón’. Dese berce saíron ademais homenaxe –vía occitano– e homicida.

Máis palabras con igual étimo son humilde, humildade e humillación, procedentes de humilis, cos significados de ‘baixo, pequeno, insignificante, escuro, submiso’.

Esta etimoloxía explica a práctica totalidade das palabras comezadas por hum- que recolle o Dicionario, xa que doutra procedencia quedarían tan só dúas, humidade e humor, pero esa é outra historia que desenvolveremos noutro Allos-con-bugallos.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir