Oito praias para o verán de 2023
De praia en praia o verán todo! Isto é vida! Mais… de non poderes, propómosche oito areais que son perfectos para estes días de calor.
De norte a sur e da Guarda ao Cantábrico, buscamos as máis fermosas, as que teñen lendas curiosas e historias de interese. Todas xemas mariñas escollidas entre as que máis nos chamaron a atención e que ademais teñen nomes que paga a pena saber de onde veñen. Quedáronnos fóra moitas e moi boas, mais se che gustaron estas, quizais outro ano poidamos facer unha nova rolda. Agardamos que si!
As praias:
Traba | Louro | Doniños | A Lanzada | O Rostro | Pantín | Rodas | As Catedrais
O Rostro entre Touriñán e Fisterra
Localización:
Sardiñeiro – Padrís (Fisterra)
Características:
2.200 m. de lonxitude
Praia aberta
Area fina
A Praia do Rostro atópase na parroquia fisterrá de Sardiñeiro. Aberta ao Atlántico, os ventos que aquí baten deron lugar a un sistema de dunas, cubertas de abundante vexetación, que ofrecen na época de floración un espectáculo de cor.
Este areal bravo –un cartel avisa de que se trata dunha praia perigosa– é o lugar onde se localiza unha lenda que ten que ver cos nerios, individuos dun pobo prerromano que habitaban na zona do cabo denominado polos cronistas gregos Nerio, Fisterra.
A punta do Rostro
O nome da praia vén dado da súa situación a carón da punta do Rostro, denominación que logo se estendeu ao areal. Segundo nos conta Fernando Cabeza Quiles, este topónimo, aplicado tamén a un pequeno cabo das Sisargas, procede do substantivo latino rostrum -i, que nomeaba o peteiro das aves ou, máis en xeral, un obxecto con forma saínte –frecuentemente o esporón en que remata a proa dos barcos–, de aí que resulte axeitada para este tipo de accidentes xeográficos no litoral.
Na actualidade, asociamos rostro coa cara das persoas, pero na época latina tiña un uso pexorativo, algo así coma se, andado o século XXI, falamos das ventas aplicándolle o termo a unha persoa, porque utilizamos unha palabra propia da anatomía animal. Mais, o que son as cousas, o uso habitual foi borrando esta connotación e hoxe, rostro, resúltanos mesmo poético.
Unha lenda baixo a area…
Crese que os nerios contaban cun porto importante na época, o de Dugium, cidade que a lenda sitúa baixo as areas do Rostro, afundida para sempre baixo unha onda enorme (hoxe falariamos dun tsunami) no medio dun terrible temporal, e que podería emerxer de novo, de se repetiren as condicións da súa desaparición. Os datos científicos poderían corresponder a un suceso destas características, xa que tanto as alteracións xeolóxicas coma a abundancia de restos arqueolóxicos na zona parecen corroborar esta hipótese. Tamén no plano lingüístico é posible atopar xustificación para a lenda: a existencia dun lugar chamado Dugium parece probada polo topónimo Duio, que se mantén pola zona.
Outra versión da lenda fala do Apóstolo Santiago, que, predicando por estas terras e anoxado pola inutilidade das súas ensinanzas, lle pide ao Señor que faga desaparecer a cidade. O Códice Calixtino tamén relaciona este lugar co Apóstolo, pero por outro motivo, pois sería onde se dirixen os discípulos por indicación da raíña Lupa, buscando onde enterralo.