océano

O que entendemos por océano non coincide co significado que esta palabra tiña orixinariamente para os gregos: na concepción da Antigüidade o okeanós era un río enorme de forma anular, un “río sen principio nin fin” –como lle chamaban Homero ou Hesíodo nos seus textos–, rodeando a masa de terra coñecida, que por entón non pasaba de parte de Eurasia e Libia. Deste xeito, os antigos entendían o “mar océano” como o oposto do “mar mediterráneo”, situado no “interior”, como se deixa ver no propio nome, en latín mediterraneus, a partir de medius e terra –a denominación grega, mesógeios, ten un significado equivalente– .

Representación de Océano
Océano nun fragmento do mosaico “Oceáno e Tetis” no Museo do Mosaico de Zeugma en Turquía. (Fotografía: Bernard Gagnon, Wikipedia)

O Océano grego tamén tivo a súa representación na mitoloxía, a través da figura do titán fillo de Urano e Xea, que nos mosaicos figuraba como un xigante barbán, cunha cola enroscada sobre si mesma, que simbolizaría a suposta forma circular con que eles imaxinaban o río.

O paso do tempo, e as medicións, puxeron as cousas no seu sitio, e o desenvolvemento da xeografía mais a cartografía permitiu que o concepto asociado á voz océano se fose perfilando aos poucos ata o que coñecemos hoxe en día.

 

Ánxeles Alvariño, unha oceanógrafa galega de prestixio internacional

As mulleres representan a metade da poboación mundial, polo que ningún desenvolvemento sostible pode darse sen a súa participación e recoñecemento. Partindo deste cálculo elemental, a ONU acorda na Asemblea xeral de 2015 proclamar o 11 de febreiro como Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, unha data simbólica para denunciar que as mulleres continúan a día de hoxe sen teren acceso e participación plenos e en condicións de igualdade dentro do ámbito científico.

Superar os atrancos aos que se teñen que enfrontar as mulleres para conquistar a igualdade neste campo pasa por recoñecer o seu traballo en cada época e comprobar como tiveron que impoñerse a múltiples dificultades co obxectivo de faceren valer a súa capacidade e continuar adiante coas súas carreiras. Este foi o caso de Ánxeles

Retrato Ánxeles Alvariño
Ánxeles Alvariño (Fotografía culturagalega.org)

Alvariño (Ferrol, 1916 – La Jolla, California, 2005), oceanógrafa precursora neste campo a nivel mundial, quen foi a primeira muller en participar en calidade de científica nunha expedición a bordo dun barco británico de investigación. Ánxeles gañou numerosos nomeamentos académicos en diversas universidades do mundo e chegou a descubrir 22 especies novas de organismos mariños presentes no plancto, indicadores das correntes oceánicas e para a pesca. Incluso o seu apelido foi rexistrado como nomenclatura para o nome científico de dous destes exemplares: o Aidanosagitta alvarinoae (1974) e a hidromedusa Lizzia alvarinoae (1980).

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir