Concellos de Galicia (con tres letras)
Chega o verán e o Portal das Palabras volve saír de viaxe por Galicia. En edicións anteriores xa fixemos os obrigados percorridos polo mar e pola montaña, así que desta volta propoñémosvos unha ruta diferente. Faremos parada en lugares cunha curiosidade en común: todos eles son concellos con nomes de só tres letras. Pode soar a excentricidade.. e madía leva se o é! Pero que mellor época para deixarse levar pola sonoridade dalgúns dos topónimos máis breves de noso Nomenclátor! A viaxe pagará a pena, e non só en termos lingüísticos!
Concellos:
Segundo o toponimista Edelmiro Bascuas, experto en toponimia prerromana, a orixe de Oia fai referencia ás augas (hidrotopónimo), estararía nas formas paleoeuropeas *ugwia ou *udia, derivadas á súa vez dunha raíz *wegw‑ co significado de ‘húmido’. Polo tanto, estariamos ante un topónimo prerromano que faría referencia a ‘lugares húmidos” ou “con abundancia de auga’.
Unha curiosidade da denominación é que está formada só por tres vogais e grazas ao slogan: “Eu, Oia”, que di a publicidade xa completa a serie coas cinco. Porén ten sobrados encantos de seu sen recorrer a brincadeiras lexicográficas: un deles son as afamadas Pozas de Mougás, na parroquia e no río homónimos. Como é unha zona de enorme concentración de cabalos ceibos, é normal que no verán se organicen picadeiros e curros para aproveitar e xestionar este gando (compravender, rapar e marcar), en Mougás fanse en maio e agosto, pero tamén hai que contar cos de Valga e Burgueira-Torroña. Para protexer este recurso das antigas poboacións de lobos da zona intentábanse frear con construcións como o Foxo Pedriño.
No seu medio natural contan co bosque mediterráneo máis occidental de Europa, as Sobreiras do Faro e da Serraseca, en (evidentemente) O Sobral, e cos únicos exemplares silvestres de fentos arbóreos (Dicksonia antarctica) coñecidos no continente. Pozas, curros e foxos deben a súa existencia á impoñente Serra da Groba, que chega ata máis de 650 metros de altitude e domina boa parte do concello enfrontándose ao mar. No interior da serra atopamos innúmeros petróglifos (especialmente na costa, que xa daquela representaban cabalos) e castros (especialmente no interior), como continuación ao que tamén acontece no interior dos veciños concellos de Baiona ou Tomiño. A singularidade dos restos arqueolóxicos de Oia (que derivou en que fose chamada a Costa dos Castros) reside en que contan cos únicos petróglifos galegos con embarcacións de tipo posiblemente mediterráneo e tamén cun dos labirintos máis grandes de Europa (110 cm de diámetro).
Paralelo á costa, pero do outro lado da serra, corre o río Tamuxe (palabra da familia do Tambre, do Támega e Tameiga ou do Támesis londinense), que é o que forma o Val do Rosal. Tanto desde o alto destes montes como na costa, as vistas sobre o Atlántico son fabulosas; aínda que na beira do mar tamén se pode ademais gozar de relaxantes sesións de talasoterapia no balneario localizado ao abeiro do Camiño Portugués da Costa ruta antiga e recoñecida pola Xunta de Galicia desde 2016. Neste camiño, diminuto en comparación coas dimensións telúricas e oceánicas, atopamos o antigo mosteiro cisterciense de Oia, o único situado á beira do mar e cunha historia que se remonta polo menos ata o século XII. Desamortizado en 1835, durante a guerra civil foi convertido en campo de concentración, na actualidade está case todo en mans privadas, pero a súa descomunal fachada barroca lembra a grandeza dun convento que tiña posesións ata Lisboa.