Olimpíadas

Fotografía: Cerimonia de inauguración das primeiras olimpíadas da era moderna en Atenas (1896). Sobreposto: Deseños de deportes en Rio2016 creados por Álvaro Valiño para o Washington Post

No ano 2016 o máis grande evento deportivo internacional, as Olimpíadas, celebra a súa XXXI edición na brasileira cidade de Rio de Janeiro.

Na Grecia da antigüidade era común realizar diferentes ofrendas e prácticas rituais en homenaxe a múltiples deidades, e aínda que con frecuencia consistían en sacrificios animais, con degolacións, cremacións e outros métodos bastante cruentos, noutras ocasións as homenaxes tiñan un carácter máis amable. Na desaparecida cidade de Olimpia, por volta do ano 776 a.C., orixinouse a tradición de celebrar, na honra de Zeus, un certame onde se practicaban múltiples xogos deportivos; tiña lugar no templo dedicado ao deus, cada catro anos, durante o tempo de verán, e foi moi popular por máis de mil anos, ata que o emperador Romano Teodosio decidiu suprimilo, no final do século IV d.C. Xa desde o inicio, estes xogos foron coñecidos polo nome alusivo ao topónimo da cidade que os viu nacer –Olumpía, na forma grega orixinaria, en relación clara co Olimpo (Ólumpos, ‘o alto entre o máis alto’), a morada das deidades–, empregando para iso o xenitivo olumpiádos, que máis tarde pasaría ao latín como olympiadis. En orixe, o substantivo xeneralizouse cun sentido cronolóxico, representando os catro anos que pasaban entre un certame e o seguinte, o que serve para nos dar idea do éxito que estas competicións deportivas tiñan na Grecia antiga.

PrimeirosMedallistasOlimpicos
Os nosos primeiros medallistas olímpicos: Luis Otero Sánchez-Encinas (esquerda) e Ramón Gil Sequeiros, “pratas” en fútbol. Antuerpe 1920

No século XIX, recupérase a idea de volver organizar uns xogos semellantes aos que se facían na antigüidade. Para darlle forma ao proxecto foron decisivas as xestións do francés Pierre Frèdy, barón de Coubertin, quen foi o fundador do Comité Olímpico Internacional. O 6 de abril de 1896, celébrase en Atenas a primeira edición das Olimpíadas da nosa era, consolidándose a nomenclatura con que se coñecen ata o día de hoxe.

PrimeirasMedallistasOlimpicas
As primeiras medallistas: Támara Echegoyen e Sofía Toro (esquerda), medallas de ouro en vela match race, e Begoña Fernández, “bronce” en balonmán. Londres 2012

A cidade de Olimpia foi, por tanto, o eixe vertebrador de todo o léxico asociado ás Olimpíadas (do adxectivo olímpico -a, o adverbio olimpicamente ou o substantivo olimpismo, “o conxunto de valores e ideais propios dos xogos olímpicos”) e tamén o piar de boa parte da simboloxía propia do certame, como o rito de inauguración que consiste en prender a chama olímpica no estadio desta cidade para logo levala acesa nun facho deica o país de acollida dos xogos que corresponda en cada edición.

As Olimpíadas de 2016 marcan datas históricas: van case 2.800 anos desde o primeiro certame na Grecia antiga, e 120 desde a súa recuperación na era moderna. En Río, participan ao redor de 10.500 atletas, chegados de máis de 200 países. Entre eles, un equipo olímpico de refuxiados fará mundialmente visible tan crítica situación.

Acompañamos este Allos-con-bugallos sobre as Olimpíadas con dúas listaxes coas formas normalizadas de nomes dos países participantes–ordenados alfabéticamente e por continente–, e dos deportes, olímpicos e paralímpicos. Premer nas iconas para descargar.

Documento Paises Olimpicos
PDF
4 páxinas
70k

DocumentoDeportesOlimpicos
PDF
1 páxina
47k

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir