De peliqueiros ou cigarróns

Adaptado de Peliqueiros de Laza By Ramon Piñeiro [CC BY-SA 2.0 (https://creativecommons.org/licenses/by-sa/2.0)], via Wikimedia Commons

O Entroido é un dos períodos festivos máis celebrados en Galicia. Non hai aldea, parroquia ou lugar que non faga algunha xuntanza para festexalo. Mais se hai un carnaval que transcende é o ourensán, e moi especialmente os de Laza, Verín e as súas proximidades. Por esas terras xorden dous personaxes que poden parecer moi semellantes ou non, segundo quen os mire. Se es foráneo podes pensar que estás ante a mesma máscara, pero os oriúndos non o ven así. Evidénciano as denominacións distintas segundo o lugar: os peliqueiros e os cigarróns.

En Laza, o protagonista é o peliqueiro. A denominación é un derivado de pelica, xa que a parte posterior da máscara se confecciona coa pel seca dun animal. Ambas as dúas palabras nacen do termo latino pellis, que significaba ‘pel’. En cambio, en Verín, saen ás rúas os cigarróns. A orixe deste termo é controvertida. Popularmente hai quen pensa que o nome garda relación co ruído das chocas, que se asemellaría ao cantar das cigarras ‘insecto da familia dos cicádidos onde os individuos machos presentan un aparato nos costados do abdome co que producen un son monótono e forte’. Mesmo hai unha lenda que vincula este substantivo, e tamén o dos irrios (de Castro Caldelas) e o dos guirrios (de Llamas de la Ribera, León), co nome dunha tribo prerromana, a dos cigurros. Pero estudosos da etimoloxía, como Corominas ou Menéndez Pidal, pensan que o vocábulo galego comparte orixe coas denominacións dunha máscara semellante empregada noutros entroidos próximos, como son o zangarrón (en Zamora) ou os zafarrones (en Asturias). Estes estudosos aventuran que estes nomes probablemente están relacionados coa palabra árabe sahr que indicaba acción de burlarse ou escarnecer’.

Aínda que na zona distinguen perfectamente entre a máscara dun lugar e outro, tampouco se pode obviar que comparten elementos comúns.

A mitra é unha prolongación da máscara, que recorda a mitra episcopal. Na parte frontal está confeccionada en lata, decorada con debuxos de animais ou símbolos astrais. Na posterior colga unha pelica ou pel dun animal con rabo, que agora é de pel sintética. Esta designación ten orixe no grego mítra, ‘faixa para a cabeza’ ou ‘turbante’, que pasou ao latín mitra co mesmo significado, e desde o latín a todas as linguas románicas.. Dos extremos laterais da mitra colgan dous pompóns, “bóla feita con fío, la ou con outros materiais, que levan como adorno algúns gorros, vestidos, extremos de cordóns etc.”, palabra que nos vén do francés pompon, do que non se coñece moi ben a orixe, pero que algúns pensan que se trata dunha  creación expresiva pomp- co significado de ‘redondez’. E, por último, na parte traseira da máscara aparece a rabeira, un anaco de crina de cabalo que pendura; este vocábulo é un derivado de rabo, que procede do latín rapum ‘nabo’.

A vestimenta complétase cunha camisa branca, gravata vermella, unha chaqueta onde se locen os galóns; uns calzóns de encaixe con flocos e pompóns de cores cunhas medias rechamantes, e unha faixa ben axustada branca, azul ou vermella para se protexeren do impactos das chocas, ‘instrumento de metal semellante a unha campaíña que se pendura ao pescozo das reses de gando e que levan tamén algunhas máscaras do Entroido’. Estas pezas colgan do cinto na súa parte posterior. O termo ten a súa orixe no latín medieval clocca ‘campá’, responsable tamén do equivalente inglés clock ‘reloxo’ e o alemán Glocke ‘campá’.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir