A Palabra do Ano doutras partes do mundo

Escoller por votación unha Palabra do Ano que represente o máis significativo da anada é un síntoma de boa saúde do idioma e tamén do sentido colectivo da cultura. Por iso, foi unha satisfacción ver como a edición da Palabra do Ano 2016 convocada polo Portal das Palabras gañou participantes en comparación coas anteriores e tivo unha maior repercusión nos medios de comunicación e nas redes.

Moitas outras culturas tamén escollen un termo que defina o ano desde a súa cosmovisión. O conxunto destas voces fai unha colaxe do que foi a actualidade en 2016, doce meses en que cada comunidade viviu entre a súa realidade particular e o espazo, alén das fronteiras, dos asuntos comúns. Para amosar esa composición da que falamos, recollemos Palabras do Ano de diferentes ámbitos lingüísticos e países, e aquí van as máis representativas e interesantes.

 

Estados Unidos: Trump, do surrealismo ao desastre.

Merriam-Webster é unha compañía icónica da lexicografía estadounidense, desde que en 1828 Noah Webster publicara An American Dictionary of the English Language. Para eles, a palabra de 2016 foi surreal, surrealista. O adxectivo hai que entendelo non como relativo ao movemento artístico e filosófico, senón no sentido con que se popularizou na fala cotiá, tal e como define o propio Dicionario Merriam-Webster: “marked by the intense irrational reality of a dream”, ou sexa, “caracterizado pola realidade irracional dos soños”, ou tamén, “incrible”, “inverosímil” ou “desconcertante”, por inesperado, como foron os resultados de varios comicios decisivos que se produciron durante o ano: o brexit, o non ao referendo pola paz en Colombia, e sobre todo a vitoria de Donald Trump nas eleccións á presidencia dos Estados Unidos.

A mesma mecha prendeu para a escolla da palabra da American Dialect Society. Neste caso, o termo elixido foi dumpster fire, que literalmente é “colector do lixo en chamas”, mais que se trata da expresión popular para referirse a “un completo desastre”, unha situación absolutamente caótica, que está fóra de control ou mal manexada.

 

Inglaterra: entre o Brexit e a posverdade

 …e foi o propio Trump quen “creou” a Palabra do Ano escollida polos comentaristas de The Guardian, un dos grandes medios británicos. O presidente publicou en Twitter unpresidented para, pouco despois, corrixirse  dicindo que en realidade quería poñer unprecedented. Pero o certo é que o seu “erro” (negando a palabra presidented co prefixo un-) lles pareceu a moitos unha excelente maneira de describir o comportamento do político.

Un dos máis grandes referentes lexicográficos para os ingleses, o dicionario Oxford, elixiu o neoloxismo post-truth, que entre nós se traduciu como posverdade, un concepto que se move entre o político e o filosófico, para nomear aquelas circunstancias en que os feitos obxectivos son menos influentes na formación da opinión pública que as chamadas á emoción e á crenza persoal. Entre as finalistas da nosa Palabra do Ano 2016, xurdiu unha sorprendente adaptación –alburgada–, unha mentira que se presenta como certa, sabendo que non o é, coa intención de manipular e enganar.

O dicionario Collins apostou por unha creación lingüística ad hoc, o Brexit, ou sexa, a saída (exit) de Gran Bretaña (Britain) da Unión Europea.

Outra editorial,  MacMillan escolleu elite. Argumentan que se usou de continuo ao longo do ano e que case chegou a baleirarse de significado, xa que tanto lle servía a Trump para soster a súa arenga populista coma aos partidarios do Brexit para etiquetar á metade da poboación que se opuxo ao abandono da UE.

Ao equipo do dicionario Cambridge chamoulle a atención que unha das entradas máis visitadas do ano fose paranoidparanoide–, aproximadamente catro veces máis ca o anterior, o 2015. As razóns teñen que estar nos feitos que marcaron a actualidade: é probable que a xente se recoñecese nese estado, no medio da convulsa situación política e social.

Pola súa banda, o electrónico Dictionary.com proclamou xenophobia, xenofobia, a “hostilidade cara aos estranxeiros” –manifesta no discurso político dos partidos de extrema dereita europeos e tamén no do presidente norteamericano novizo– como a súa Palabra do Ano.

 

Australia: fakes, salchichas e democracia

Continuando no mundo anglófono, agora nos antípodas, o comité do dicionario australiano Macquaire escolleu como Palabra de 2016 fake news, noticias falsas, aludindo a esas informacións, promovidas por determinadas webs e difundidas en redes sociais, que transmiten un contido enganoso ou directamente falacias, coa intención de mobilizar ánimos e accións masivas, nunha dirección concreta.

Outra escolla australiana, esta vez do National Dictionary Centre, foi democracy sausage, a salchicha democrática, cancelo (trending topic) nas redes do país o día 2 de xullo. Todo xurdiu cando unha organización non gobernamental deu en venderlles bocadillos de salchicha ás persoas que facían cola nos colexios electorais; a expresión fíxose popular cando o líder da oposición asegurou ante os medios que “o sabor das salchichas é o sabor da democracia”.

 

Alemaña e Austria: véndolle as orellas ao lobo

Volvemos a Europa. A palabra proposta pola Gesellschaft für deutsche Sprache –Asociación pola Lingua alemá–, tamén pon o foco na inquietante deriva política: postfaktisch, posfascismo, describe o discurso autoritario e racista característico dalgúns líderes políticos que foi prendendo en certos grupos sociais.

Moito máis difícil de reproducir é a escollida pola Unidade de investigación do alemán austríaco da Universidade de Graz, en colaboración coa Austria Presse Agentur –Axencia austríaca de noticias–, xa que a palabra en cuestión é Bundespräsidentenstichwahlwiederholungsverschiebung

…nada menos que 51 letriñas! Unha paráfrase na nosa lingua sería: ‘adiamento da repetición da segunda volta das eleccións presidenciais’, que foi precisamente o que sucedeu, en 2016, en Austria, de maio a decembro, o tempo que tardaron as autoridades electorais en poder garantir o reconto dos votos, logo de que houbese que repetir as eleccións por mor das irregularidades que se deron no cómputo do voto por correo.

 

Noruega: o poder da xente

Á hora de escoller as súas palabras moitas culturas partiron do contexto político, poñendo o foco sobre os líderes, as campañas, os resultados electorais etc. En Noruega, a Palabra do Ano 2016, hverdagsintegrering, ten un sentido político claro pero o enfoque, neste caso, faise na acción no día a día da sociedade civil perante a emerxencia da crise de refuxiados; parafraseando o termo, os noruegueses falan dos “esforzos diarios que fai a xente común para integrar os refuxiados e o resto dos inmigrantes na sociedade”.

 

Holanda: o consumo ‘en tendencia’

Drones que se usan para facer publicidade e persoas que zafan dos agobios dos centros comerciais por faceren todas as compras desde o móbil. Son as novísimas forma de consumo que expresan as palabras escollidas polo dicionario holandés Van Dale para 2016: dronevertising e smartphonista.

 

Francia: máis do mesmo

Réfugiés foi en Francia a Palabra de 2016, cun ano de retraso en comparación con nós –e varios outros países– que tiveramos refuxiados como gañadora en 2015. O certo é que as penosas circunstancias que forzaron a milleiros de homes, mulleres e nenos a saíren dos seus países para procurar refuxio en Europa non mudaron nos 365 días pasados.

 

Cataluña: eslamiados!

O Observatori de Neologia del Departament de Traducció i Ciències del Llenguatge de la Universitat Pompeu Fabra e de l’ Institut d’Estudis Catalans decántase cada ano por un termo de nova creación e, nesta ocasión, o neoloxismo escollido entre as novas palabras sancionadas en 2016 foi vegà-vegana, vegano-vegana,  para os seguidores da filosofía de vida que, ademais dunha dieta de vexetarianismo, supón evitar o consumo de calquera produto de procedencia animal, na vestimenta, nos cosméticos etc.

 

España: previsibles

Populismo, outra das finalistas da nosa Palabra do Ano, foi o termo escollido pola Fundeu –Fundación del Español Urgente–. Populismo foi cargándose nos últimos tempos de connotacións negativas ata se converter nunha arma no debate político.

 

Portugal, Mozambique e Angola: algarabía, paz e crise

Porto Editora promove a escolla da Palavra do Ano en tres países da lusofonía. En Portugal, decantáronse por geringonça, voz usada por certos sectores para designar a coalición parlamentaria en que se apoia o actual goberno portugués. En Mozambique, o termo elixido foi paz, aludindo á fin do enfrontamento entre as Forzas Armadas e o brazo armado do principal partido da oposición angolana, a RENAMO. En Angola, o termo máis representativo resultou ser crise, pois a situación económica e financeira do país se viu agravada en 2016 pola baixa do prezo do petróleo no mercado internacional.

 

Rusia: noutro mundo

De Rusia non chega unha única Palabra de 2016 senón unha listaxe completa escollida pola emisora de televisión independente TVRain (Dozhd). O certo é que todas teñen unha tradución complicada, e están referidas a realidades moi concretas que só teñen sentido pleno no contexto do propio país; un caso, a modo de exemplo, a palabra mоре китов, que podería equivaler a mar de baleas fai referencia a un escuro suceso relacionado cunha serie de suicidios planificados de adolescentes, presuntamente controlados polos administradores dunha coñecida rede social rusa. En todos eles había unha nota común: as imaxes de baleas.

 

Filipinas: dinamitando fotos

Fotobam é a versión filipina de photobomb, e a escollida para a Palabra do Ano neste país. Presentouse no congreso organizado polo Instituto filipino de Tradución e foi nomeada polo profesor Xiao Chua, quen a recolleu en relación coa polémica que xerou a construción da Torre de Manila, no parque da Luneta, pois destruía a vista do icónico monumento ao poeta mártir José Rizal.

 

Xapón: divino!

A que aparece arriba é unha posible equivalencia da expresión que foi proclamada Palabra de 2016 en Xapón, kamitteru, segundo o criterio do importante editor nipón Jiyu Kokumin Sha; ao primeiro a quen se lle aplicou foi ao bateador Suzuki Seiya, que deixou a todos pampos coa súa actuación no campo de xogo.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir