Como cada ano desde 1901, os Premios Nobel destacan unha serie de descubrimentos, investigacións e achegas claves para historia da humanidade. O nome dos galardóns fai alusión ao seu promotor, o químico sueco Alfred Nobel.
As persoas ou entidades que reciben os premios en Medicina, Química, Física, Economía, Literatura ou no que ten que ver coa Paz, deixan, alén dos seus imprescindibles traballos, algún termo fundamental do ámbito no que foron recoñecidos.
Iremos publicando unha nova palabra ao pouco de se saber cada un dos premios. Polo de agora, tendo en conta os galardóns que coñecemos, recollemos os seguintes termos:
canción
Por primeira vez na historia dos Nobel, unha muller, Sara Danius, Secretaria Permanente da Academia Sueca, foi a encargada de anunciar á unha en punto, hora local, o nome do galardoado nesta edición de 2016. O premio foi para Bob Dylan, por conseguir “crear unha nova expresión poética dentro da gran tradición americana da canción”.
O nome real do estadounidense é Robert Allen Zimmerman e van setenta e cinco anos desde que nacera na cidade de Duluth, no estado de Minnesota. Na década dos sesenta, compuxo algúns dos seus traballos máis célebres, como Blowin’ in the Wind, e de feito foi en 1965 cando saíu o seu Highway 61 Revisited, considerado un dos álbums máis influíntes de todo o século XX, onde aparece Like a Rolling Stone, que foi elixida a mellor canción de todos os tempos.
Canción é un substantivo que temos na lingua desde sempre, herdado directamente do latín cantio, cantionis, que era a acción de cantar ou de tocar un instrumento musical; temos ademais os sinónimos cantar, cántiga e cantiga, que se empregou especificamente referido ás de carácter popular e tamén ás composicións medievais, que na época se escribían para ser interpretadas musicalmente.
A Academia Sueca nomea a persoa gañadora do Premio Nobel de Literatura. Catorce mulleres foron premiadas con esta distinción desde que comezaron a entregarse os premios, por exemplo, a austríaca Elfriede Jelinek (2004), a surafricana Nadine Gordimer (1991), a inglesa Doris Lessing (2007) ou a bielorrusa Svetlana Alexiévich (2015). Ademais delas outros nomes recoñecidos por todo o mundo foron Rabindranath Tagore (1913), William Faulkner (1897), Ernest Hemingway (1954), Gabriel García Márquez (1982), Pablo Neruda (1971) ou Seamus Heaney (1995).
contrato
O Premio Nobel de Economía da presente edición vai ser compartido polos profesores Oliver Hart (británico) e Bengt R. Holmström (finés) e a razón dada polo Banco de Suecia para concedérllelo é a importante contribución de ambos os dous á teoría dos contratos, polo que é posible que as nosas condicións laborais estean influídas polas súas opinións, xa que analizan as consecuencias dos distintos modelos de contratacións e retribucións.
A orixe do termo contrato lévanos ata o latín contractus ‘pacto’, substantivo xerado a partir do participio do verbo contrahere, e este derivado de trahere ‘arrastrar’, que, ao engadirlle o prefixo viría sendo algo como ‘traer conxuntamente’. A definición que dá o Dicionario dinos que é o ‘acordo legal entre dúas ou máis persoas polo que se obriga a cumprir certa cousa’, información que podemos ampliar coa que nos proporciona o Dicionario xurídico galego, onde se afirma que, nunha sociedade en que os seus membros non son autosuficientes, o contrato constitúe o mecanismo máis utilizado para o intercambio de bens e servizos.
O Premio Nobel de Economía foi establecido en 1968 polo Banco Central de Suecia, sobre unha doazón feita á Fundación Nobel co motivo do 300 aniversario da entidade bancaria. Desde 1969, outorgáronse 47 premios nesta categoría, e só un deles a unha muller, a estadounidense Elinor Ostrom, en 2009. Entre as persoas galardoadas están John F. Nash Jr. (1994), Milton Friedman (1976) ou o máis lonxevo de todos os premiados ata agora, o ruso Leonid Hurwicz, que o conseguiu en 2007 á idade de noventa anos.
acordo de paz
O actual presidente de Colombia, Juan Manuel Santos, é a persoa premiada co Nobel da Paz 2016, por decisión da comisión elixida polo parlamento noruegués para esta función. O premio recíbeo en recoñecemento á súa intervención decisiva en representación do goberno colombiano no proceso de negociación coas Forzas Armadas Revolucionarias de Colombia (FARC) para acadar a paz definitiva na rexión, logo de máis de cinco décadas de conflito entre o exército, os paramilitares e a guerrilla. O arelado acordo de paz ao que se chegou coa delegación das FARC na Habana foi sometido a sufraxio o pasado 2 de outubro de 2016, e o inesperado voto en negativo dunha axustada maioría da poboación colombiana (cun 60% de abstención) provocou o desconcerto no país e tamén na comunidade internacional. No medio de multitudinarias manifestacións en favor de continuar adiante co proceso, A marcha do silencio, Juan Manuel Santos non perdeu tempo en comezar a negociar posibles cambios cos sectores partidarios do non, co obxectivo de conseguir asinar por fin o acordo de paz.
Acordo é un substantivo que parte do verbo acordar, na acepción de “resolución tomada entre varias persoas ou comunidades”. A orixe do verbo está no latín coloquial *accordare, que se desenvolveu a partir de concordare, con substitución do prefixo da forma clásica. Significativamente, este verbo construíuse sobre cor, cordis, a palabra que os romanos empregaban para chamarlle ao corazón, dado que dalgunha maneira chegar a un acordo entre partes enfrontadas podía entenderse como o resultado de xuntar os corazóns. Ademais, acordar conta con outro significado moi presente en toda a tradición literaria que ten que ver con “interromper o sono de quen está a durmir”, o cal metaforicamente tamén pode interpretarse como poñer fin a un período de inmobilidade ou de estancamento.
Respecto a paz, e conforme a definición proposta no Dicionario, é posible concibila como a “ausencia de loita armada”, o mesmo que o latín pax, pacis aludía a un período sen guerra entre nacións, ou o que é o mesmo, de estabilidade asegurada, a idea contida na raíz indoeuropea *pak- (‘trabar’, ‘fixar’, ‘asegurar’).
A diferenza do resto dos galardóns que se entregan en Estocolmo, a cerimonia do Premio Nobel da Paz celébrase en Oslo, capital de Noruega e un comité de cinco membros, escollidos polo parlamento noruegués, decide a quen se premia. Desde 1901, outorgáronse 96 galardóns, que en dúas ocasións foron compartidos entre tres persoas. Conseguírono nestes anos dezaseis mulleres, entre elas, a paquistaní Malala Yousafzai, quen en 2014, con dezasete anos, se converteu na premiada máis nova en toda a historia dos Nobel. Foi recoñecida en todo o mundo polo seu activismo a favor dos dereitos das mulleres, tras ser vítima en 2012 dun atentado talibán. por tres veces, o Premio Nobel da Paz foi para persoas que naquel momento se atopaban presas, o xornalista Carl von Ossietzky (1935), a líder política Aung San Suu Kyi (1991) e mais o activista chinés Liu Xiaobo (2010).
autofaxia
O Premio Nobel de Medicina do ano 2016 outorgóuselle ao biólogo xaponés Yoshinori Ohsumi pola súa importante contribución ao descubrimento dos mecanismos da autofaxia celular, investigación que comezou nos anos 90 estudando algo tan corrente na nosa vida como é o fermento do pan, no que puido descubrir cales son os xenes que interveñen neste proceso.
A etimoloxía do termo autofaxia, creado en 1963 polo bioquímico belga Christian de Duve (tamén premio nobel nesta especialidade no ano 1974), axuda a entender o seu significado, xa que se forma a partir dos elementos gregos auto ‘por si mesmo’ e fago ‘comer’ e designa o mecanismo polo que as células utilizan, en determinadas situacións, elementos non vitais que elas mesmas conteñen no seu interior para obteren enerxía ou novos materiais rapidamente. E isto, que en principio pode parecer un proceso destrutivo, serve tamén para eliminar o que resulta defectuoso ou deteriorado, así como bacterias ou virus que ninguén convidara a entrar, polo que se considera un xeito de reciclaxe. A súa importancia é tanta que cando non funciona correctamente pode ocasionar doenzas como párkinson, alzhéimer, diabetes ou cancro.
O Premio Nobel en Fisioloxía ou Medicina entrégao o Instituto Karolinska de Suecia. Desde 1901, recibírono doce mulleres, o máis novo galardoado foi Frederick G. Banting, en 1923, con trinta e dous anos, en tanto que o máis vello dos premiados foi Peyton Rouse, quen o recolleu en 1966 á idade de 87 anos. Algúns dos premios nobel de medicina máis populares foron Sir Alexander Fleming (1945), James Watson (1962), Ivan Pavlov (1904) ou Youyou Tu (2015).
nanométrico
Este premio, o de Química, outorgóuselle a un trío de investigadores de distintos países polo seu traballo na síntese de máquinas moleculares, que os científicos coinciden en cualificar como unha actividade investigadora “creativa” e mesmo “lúdica”. É o que chamamos nanotecnoloxía, debido a que se desempeña a unha escala nanométrica. Os tres galardoados son Bernard Feringa, da neerlandesa Universidade de Groningen, Jean-Pierre Sauvage, da francesa Universidade de Estrasburgo mais o escocés Sir Fraser Stoddart, da estadounidense Universidade Northwestern.
O adxectivo nanométrico procede de combinar metro (‘medida, medir’) co sufixo –ico para crear o adxectivo e mais co prefixo nano– para indicar que é pequeno (exactamente a unha escala de 10−9 metros), tal como segue denotando o derivado que nos chegou a través do latín: anano. Sobre a nanotecnoloxía e o termo nanorrobot xa falamos no Portal neste Mira-que-din.
O premio na categoría de Química decídeo a Academia das Ciencias de Suecia, que o concedeu en 175 ocasións desde 1901. Obtivérono catro mulleres neste tempo e o premiado de menor idade foi Frédéric Joliot (1935) con trinta e cinco anos. No outro extremo, sitúase John B. Fenn, quen en 2002 recibiu o premio con oitenta e cinco anos. O británico Frederick Sanger conseguiuno en dúas ocasións, no ano 1958 e tamén en 1980. O Nobel de Química foi entregado, entre outros, a Marie Curie (1911) e mais á súa filla Irène Joliot-Curie (1935).
superfluído
O Premio Nobel de Física 2016 foi para os científicos escoceses David J.Thouless e J. Michael Kosterlitz mais o inglés F. Duncan Haldane, polos “descubrimentos teóricos das transicións de fase topolóxica e fases topolóxicas da materia” polo “uso de conceptos topolóxicos en física dando pé a revelar os segredos da materia exótica”. Investigaron que, aplicando métodos matemáticos avanzados de topoloxía para estudar as transicións entre os estados da materia (ver Setestrelo sobre os estados da materia) sometida a condicións extremas, é posible a supercondutividade, superfluidez en capas magnéticas finas. Os superfluídos son os que perden a viscosidade case por completo, fluíndo moi rápido, e aplícanse por exemplo no acelerador de partículas de Large Hadron Collider.
Lingüisticamente estamos ante neoloxismos creados no momento do achado científico sobre substantivos cultos –condutor e fluído– que proceden do latín conductor, -oris ‘o que conduce’ e do termo do mesmo idioma fluidus, -a, -um ‘que ten a propiedade de fluír’ aos que se lles aplicou o prefixo super-, co valor de incrementar as súas características positivamente, e que procede do termo latino super.
A encargada de conceder o Nobel de Física é a Academia das Ciencias de Suecia, que desde 1901 llo outorgou en 47 ocasións a unha única persoa, dúas delas mulleres, Marie Curie (1903) e Maria Goeppert-Mayer (1963). O estadounidense John Bardeen levouno por dúas veces, mentres que o australiano Lawrence Bragg conseguiuno con só vinte e cinco anos (1915). Alén do matrimonio Curie, algúns dos premiados máis célebres foron o propio Albert Einstein (1921), Erwin Schrödinger (1933) ou J.J. Thomson (1906).