
Vila de Paulo. Ollo ao can. Creado a partir do mosaico da Casa de Poeta tráxico en Pompeia
Concellos de Galicia (con tres letras)
Chega o verán e o Portal das Palabras volve saír de viaxe por Galicia. En edicións anteriores xa fixemos os obrigados percorridos polo mar e pola montaña, así que desta volta propoñémosvos unha ruta diferente. Faremos parada en lugares cunha curiosidade en común: todos eles son concellos con nomes de só tres letras. Pode soar a excentricidade.. e madía leva se o é! Pero que mellor época para deixarse levar pola sonoridade dalgúns dos topónimos máis breves de noso Nomenclátor! A viaxe pagará a pena, e non só en termos lingüísticos!
Concellos:
O topónimo deste concello lugués, cunha etimoloxía ben doada para un inglés, procede da locución latina [villa] Pauli, onde a segunda palabra é o xenitivo de antropónimo Paulus, o que fai que poida ter como sobrenome “a vila de Paulo”. O mesmo nome de Paulus é o que aparece noutros lugares coma Vilapol, Castropol, Buspol (varios en Asturias), Fompol (de fons, fontis) ou Arispol (tamén en Asturias).

O concello de Pol ten dezanove parroquias e pertence á comarca de Meira. Atópase no camiño entre Lugo, Vilalba e A Mariña, na antiga vía romana. De aí que sexan numerosas as aras votivas dedicadas a deuses viarios que aínda se atopan. Tamén romano era o mosaico de Doncide, hoxe desaparecido. Pol recibe a súa denominación, por certo, non da capital que está en Mosteiro dende 1970 senón doutra das súas parroquias. O municipio formouse en 1835 pola fusión de dúas entidades anteriores, Luaces e mais Lea.

O concello conserva unha forte pegada prehistórica, con nada menos que vinte castros. Tamén se sabe de vinte e tres mámoas. Aínda que non está exactamente no concello de Pol, senón na veciña parroquia homónima do concello de Castro de Rei, moi recomendable é o Castro de Viladonga. Representa un dos exemplos dos últimos castros habitados nas fins do Imperio Romano. De grandes dimensións (catro hectáreas, cunha croa de 100x100m), conta cun museo onde apreciar os resultados das escavacións.
Unha importante influencia externa na época medieval foi o cisterciense mosteiro de Santa María, no concello veciño de Meira, fundado no século XII nun lugar doado polos condes de Sarria. Tanto foi o seu poder, que a súa instauración provocou que desaparecesen outros tres mosteiros no concello de Pol.