porcoril

Un animal descoñecido percorre os montes. No pelame imita o xabaril, pero a forma do corpo lembra máis á dun porco vietnamita. Din que as súas maneiras son torpes e que, polo de agora, non conseguiu adaptarse ben ao medio.

Chámaselle porcoril e o seu nome é unha solución lexicográfica que foi prendendo entre os falantes, coa empuxada da difusión do novo termo nos medios de comunicación; de feito, é desde este ámbito de onde reclaman a autoría do neoloxismo, o primeiro en empregalo foi a Televisión de Galicia (TVG) en agosto de 2016, mais tamén comezou aparecer nos medios escritos como GCiencia, debido a esa repentina popularidade en decembro do mesmo ano chegou a ser proposto como finalista á Palabra do Ano.

Cando xorde unha nova realidade, rapidamente a lingua ten que poñer en marcha os seus mecanismos para nomeala, pois dalgunha maneira, ata o momento en que se pode dicir unha cousa, non é que esta existe plenamente; neste caso, fórmase por un procedemento bastante típico para a creación de neoloxismos, tanto entre nós coma tamén noutras linguas, como por exemplo o inglés; consiste en recoller a parte inicial dunha palabra e xuntala coa terminación doutra, para crear un terceiro termo relacionado con ambas as dúas.

Para chegar ao porcoril, empregáronse os nomes dos seus proxenitores, porco– (do latín porcus) polo porco vietnamita –Sus scrofa domestica– e mais –ril, en alusión ao xabaril –Sus scrofa (procedente do árabe djabalí). No léxico tradicional, o porco conta con moitos e variados sinónimos, chino, cocho, marrán, marrancho, quino, rancho, que se distribúen dialectalmente por todo o país. Tamén é porco o xabaril, só que neste caso porco bravo.

Malia que, como quedou dito, o neoloxismo se usa con certa frecuencia nos medios de comunicación, non conta aínda con sanción normativa ningunha, polo que haberá que agardar e atender ao seu percorrido para saber se finalmente porcoril pasa a formar parte de pleno dereito do léxico común.

 

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir