Praias: Pantín

Fotografía: Surfpantinzone Surfhouse en Flickr

Oito praias para o verán de 2023

De praia en praia o verán todo! Isto é vida! Mais… de non poderes, propómosche oito areais que son perfectos para estes días de calor.

De norte a sur e da Guarda ao Cantábrico, buscamos as máis fermosas, as que teñen lendas curiosas e historias de interese. Todas xemas mariñas escollidas entre as que máis nos chamaron a atención e que ademais teñen nomes que paga a pena saber de onde veñen. Quedáronnos fóra moitas e moi boas, mais se che gustaron estas, quizais outro ano poidamos facer unha nova rolda. Agardamos que si!

As praias:

Traba | Louro | Doniños | A Lanzada | O Rostro | Pantín | Rodas | As Catedrais

A praia de Pantín

Lugar de O Rodo, parroquia de Pantín, Concello de Valdoviño

950 m. de lonxitude

Area fina

Máis información

Ducias de táboas escorregando enriba de ondas de dous andares que van morrer nos 950 metros da praia de area fina… estamos en Pantín, na parroquia do mesmo nome, nunha contorna rural do concello de Valdoviño, que forma parte da comarca de Ferrol.

E no principio a praia tiña un dono…

O topónimo de Pantín é un dos moitos, de ascendencia latina, que en orixe é a expresión dunha propiedade, é dicir, o topónimo fórmase a partir da forma de xenitivo dun nome propio en latín. Neste caso, Pantinus, que á súa vez deriva, mediante o sufixo –inus, de Pantus ou Pantius. O punto de partida tivo que ser, como indica o investigador Xosé-Álvaro Porto Dapena (“Topónimos costeiros da Ría de Cedeira”, en Revista Galega de Filoloxía, 2008) unha expresión desenvolvida do tipo Villa Pantini, con perda da parte inicial. Idéntica explicación é a que se dá para outros nomes de lugares como Verín, Marín, Lalín ou Piquín, por citar só algúns, onde a característica terminación, en –ín, se asocia cun antropónimo que sería o nome propio da persoa que detiña a propiedade da terra que se nomea.

O nome preferido polos mariñeiros da zona

Ademais de Pantín, documéntase outra denominación para este areal, “praia do Rodo”, ou simplemente O Rodo, que é a empregada maioritariamente pola xente de maior idade do lugar.

Tamén para o topónimo O Rodo atopamos unha posible explicación do seu sentido orixinario; segundo o profesor Fernando Cabeza Quiles, é probable que faga alusión a unha característica orográfica, en particular á forma circular do areal, que recordaría ao semicírculo que está nun dos extremos do utensilio –tamén chamado trollo– usado para xuntar as brasas, entre outras varias funcións. E aínda se di tamén que podería referirse á forma típica dos castros, sendo que alí mesmo poden visitarse os restos dun poboado castrexo, o Castro do Rodo, moi presente nas lendas tradicionais do lugar.

O Pantín Classic, un clásico do surf

Os surfeiros e surfeiras coñecen ben esta praia. Nela celébrase cada ano, desde 1987, o Campionato do Mundo de Surf, o Pantín Classic, que conta cun enorme prestixio e recoñecemento internacional. Entre finais de agosto e principios de setembro, bótanse ás ondas de Pantín, milleiros de deportistas e afeccionados, vindos de todas as partes do mundo. Un motivo máis para non deixarmos de visitar esta praia.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir