
Unha marea de poesía
No verán percorremos Galicia dende Ribadeo ata A Guarda, sempre á beira do mar. No Portal das Palabras adoramos o interior, os seus ríos, montañas e devesas, pero tamén precisamos o cheiro a marusía máis ca nunca e decidimos emprender unha viaxe ao longo dos 1.498 quilómetros da costa que baña esta terra. E facémolo na mellor compaña posible: a vosa e a da poesía. A marea de versos vén cargada de palabras relacionadas co mar que inspiran os poetas dende os tempos dos trobadores medievais e o Rexurdimento ata a actualidade. Comezamos!
augamar | gaivota | furna | buguina | salseiro | robaliza | pailebote | cantil
MÁIS que nos anzois
Máis aínda que no meu dedo gordo
cun anzol
en vez de robalizas.
Luísa Castro, Baleas e baleas, 1988
Luísa Castro, autora da costa cantábrica, nada en Foz en 1966, é para a poesía galega a modernidade, a ruptura con todo o anterior, e configúrase coma unha das iniciadoras dunha nova proxección da poesía do século XXI. No seu único poemario en galego, Baleas e baleas, dá unha visión persoal da nenez e da vida nunha vila costeira, desmitificándoa e amosando a dureza da vida dos homes que van ao mar a unha Irlanda lonxe do ideal irlandés que se debuxou por outras correntes literarias galegas. E sobre todo, retratando a vida das mulleres das conserveiras que teñen dobre faena: a dun traballo mal pagado e a dunha casa que agarda por elas, e non para descansaren. Pero tamén hai certa nostalxia, seguramente sabedora Luísa Castro –daquela aínda estudante universitaria en Madrid– de que a súa vida ían levala por camiños que a afastarían das raíces.
O título de Baleas e baleas é froito das vivencias infantís da autora, como ela mesma conta no prólogo. En 1986 quedou prohibida a captura das baleas, pero ata comezos dos anos 1980 Galicia contou con frota dedicada a esta actividade. Luísa Castro medrou escoitando as historias dos homes da familia que ían á procura destes grandes cetáceos dende unha vila mariñeira onde as tabernas se decoraban con escenas da súa caza, e na que tampouco faltaba unha factoría para o seu despezamento que a poeta sempre quixo visitar. Pero non menos certo é que na poesía galega de finais do século XX a balea é un recurso simbólico común e, no caso das poetas, un tropo vinculado co apoderamento feminino.
A balea habita este poderoso poemario xunto a moitas outras palabras do mar, entre as que non faltan distintos peixes que seguen a ser incondicionais das nosas lonxas e mesas. Peixes como a robaliza, que na escrita de Luísa Castro sabe tamén a poesía pura. Se nos limitamos ao nome científico, Dicentrarchus labrax, soa todo máis prosaico, así que resaltemos a beleza da diversidade e gocemos tamén de variantes fonéticas como rabaliza ou rabalisa; e doutras cargadas de matices, como sucede coa forma robalo, que nos deixa claro que a robaliza en cuestión é calquera cousa menos pequena.
No lingüístico, robaliza é un derivado mediante sufixación de robalo. Esta última forma procede probablemente de *lobarro, derivada do vocábulo lobo tras unha metátese (cambio de lugar dun fonema) dos dous fonemas líquidos (l…r > r…l). E que ten que ver a robaliza co lobo? Toleamos? Non. Aínda que na realidade falar á vez de peixes e lobos sexa como mesturar allos con bugallos, na esfera poética todo cobra sentido, porque o nome que lle damos a este peixe tan saboroso en galego remite metaforicamente á súa voracidade. De feito, a imaxe do lobo tamén está detrás dalgúns dos nomes que se lle outorga noutras linguas. En castelán chámanlle lubina; en inglés wolfsbarsch; en italiano pesce lupo (inda que o máis habitual é spigola) e tamén en francés atopamos as formas loup e loubine, que conviven con bar.
O poder da poesía é quen, en calquera caso, de converter calquera animal mariño no que queiramos, sexa robaliza, marraxo, meiga ou peixe sapo!