tanxugueiras

Din os que saben que son as grandes promesas do trad feminino. Nin levan moito nos escenarios nin teñen aínda disco de seu no mercado, pero preséntanse cunha combinación gañadora: tres voces potentes, técnica e enerxía coa pandeireta mais unha presenza esmagadora en directo. Esas cartas, alén doutras maxias máis difíciles de concretar, tiran dun éxito viral que non deixa de gañar forza: un dos últimos, unha gravación ‘detrás do escenario’ no festival folk Celtic Connections, en Glasgow, que en pouco tempo conseguiu preto de 200.000 visualizacións. Son Sabela, Olaia e Aida. Ou sexa, as Tanxugueiras.

De onde sae ese nome?

Elas mesmas cóntannos que coñeceron a palabra porque era o nome duns campos aló na parroquia de Fumaces, no concello de Riós, un terreo que estaba moi no alto e o único ao que non ían dar os lobos. As Tanxugueiras decidiron que ese sería o nome perfecto para un grupo de mozas que se xuntan por diversión e amor á música, moi lonxe do medo ou de calquera cousa que faga mal.

En realidade, o topónimo Tanxugueira é unha alteración dun orixinario Teixugueira, tal e como está argumentado na Toponimia de Catoira de Gonzalo Navaza (2007 –p. 145–). Trátase dun zootopónimo común no país,  que designa lugares onde hai presenza ou abundancia de teixugos, ou os tobos onde habita este animal. As dúas formas, a etimolóxica, teixugueira, mais a nasalizada, tanxugueira, conviven na oralidade dos falantes nos lugares de Ourense e Pontevedra onde se rexistra o topónimo.

 

Un noctámbulo afeccionado ao mel

Tourón, porco teixo, teixo ou teixugo son os sinónimos que recolle o Dicionario para este mamífero de costumes nocturnos, que habita en tobos, para os que escava complexas galerías de túneles, con varias saídas, a aproximadamente metro e medio de profundidade.

O nome popular correspóndese probablemente co latín taxo, taxonis, aínda que non se coñece con certeza a súa orixe, que podería vir dunha suposta forma xermánica *thahsus ou do gótico *thahsuks. O nome científico é Meles meles, sendo o único membro da familia dos mustélidos (á que pertencen armiños, londras, visóns e martas, entre outros) clasificado neste xénero, que toma o seu nome da palabra latina para lle chamar ao mel, xa que é sabido que esta substancia, mais os insectos, son os manxares favoritos do teixugo.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir