Zas

Ponte de Brandomil. Foto de fondo de Javier Pais Rey. (adaptada)

Concellos de Galicia (con tres letras)

Chega o verán e o Portal das Palabras volve saír de viaxe por Galicia. En edicións anteriores xa fixemos os obrigados percorridos polo mar e pola montaña, así que desta volta propoñémosvos unha ruta diferente. Faremos parada en lugares cunha curiosidade en común: todos eles son concellos con nomes de só tres letras. Pode soar a excentricidade.. e madía leva se o é! Pero que mellor época para deixarse levar pola sonoridade dalgúns dos topónimos máis breves de noso Nomenclátor! A viaxe pagará a pena, e non só en termos lingüísticos!

Concellos:

Foz | Mos | Pol | Zas | Oia | Teo | Tui | Cee | A Rúa

O topónimo inspirador da creación do Portozás da serie Mareas Vivas ten unha posible explicación moi sinxela, pero para intuíla temos que lembrar como falaban na serie: con seseo total. Así é en realidade como se pronuncia localmente o topónimo real no que se inspirou, Zas, con  /s/. E, de feito, a hipótese común indica que este topónimo coruñés procede de Sas. Que pasou daquela para acabar o s convertido en z? Pois a razón habería que buscala nun proceso de hipercorrección do seseo propio da zona, similar ao que se deu noutros topónimos por parte de falantes non seseantes. Con todo, a pronuncia local sería teimuda, invariable e correctamente etimolóxica.

En Galicia atopamos outros topónimos que terían tamén a súa orixe en Sa((a)s),  como os compostos Saavedra, Sa(a)mil, Samir, Samar ou Samiráns. Todos eles procederían dun xermánico *sala, ‘espazo pechado habitable’, que chegou á lingua común como sala e salón. No caso dos topónimos comentados produciuse obviamente a caída do /l/ intervocálico.

Pero esta non é a única posible orixe de Zas. Existe tamén outra teoría máis moderna que suxire que vén de salice (‘salgueiro’).

Para chegar a Zas hai que estar disposto a viaxar ao pasado. Está no centro xeográfico do Parque Arqueolóxico do Megalitismo da Costa da Morte, con 14 enclaves megalíticos distribuídos entre oito concellos. Entre Zas e Vimianzo destacan a Arca da Piosa e o que queda de Pedra Vixía. Xa o noso bardo Pondal cantara nos Queixumes dos Pinos (1886:83):

 

Arca antiga da Pïosa, /

O vento q’ he triste oir /

Funga nas esquivas uces, /

Q’ están o redor de ti; /

E pasa antr’ elas bruando /

Con un dorido gemir: /

Debaixo das túas antes, /

‘Stá ó valente Brandomil”

O valente heroe destes versos tamén ten relación con Zas: Brandomil é outra parroquia de Zas, utilizada por Pondal no seu coñecido procedemento de personificación dos topónimos.

Máis próximo no tempo, é posible visitar ademais gratuitamente o pazo de Torres do Allo. Casa de avoengo, na actualidade está convertida en museo. Aquí poderemos aprender como era o día a día para señores e serventes durante o tempo que durou a súa existencia: desde o momento en que, trala demolición dun castelo anterior na Gran Guerra Irmandiña de 1467, se refundou como un dos primeiros pazos de Galicia ata o seu abandono durante o século XX.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir