antípoda

Cando os máis pequenos miran unha imaxe do planeta e botan contas de que a Terra é redonda, o primeiro que comentan é: e logo os que están debaixo de nós andan do revés? Do revés non andan, pero o que si é certo é que os temos xusto debaixo dos pés, en sentido xeográfico, que non figurado, enténdase ben.

O antípoda vén definido no DRAG como “a persoa que na superficie terrestre ocupa a parte diametralmente oposta” e este significado maniféstase ben claro desde a propia etimoloxía da palabra, do grego antípodes (anti + podes), isto é, aquel 'contrario aos nosos pés'. Parece ser que o primeiro en acuñar o concepto foi o filósofo grego Platón, quen canda os seus contemporáneos especulaba coa idea de que puidese existir unha zona antitética do planeta onde tamén houbese poboacións humanas. Co tempo, as ideas sobre a esfericidade da Terra dos matemáticos e astrónomos da antigüidade impuxéronse, pola forza da comprobación empírica, a quen se negaban a aceptar que as parábolas bíblicas sobre a orixe do cosmos e a vida non casaban ben cos números e a evidencia da observación.

Daquela, o antípoda pasou de moverse polo terreo da hipótese a camiñar de pleno dereito no eido científico da xeografía. Estaba ben definido e localizado: o antípoda andaba no outro hemisferio (“cada unha das metades da esfera terrestre limitada polo ecuador ou por un meridiano”), nunha coordenada simétrica en latitude (“distancia angular que hai dun punto da superficie terrestre ao ecuador, que se mide en graos e se expresa dicindo que o punto en cuestión está a tantos graos de latitude norte ou sur”) e complementaria en lonxitude (“distancia en graos que hai desde un punto da superficie terrestre ao meridiano cero, medida no ecuador”).

Con esta medida tan precisa, non hai que conformarse con saber que os nosos antípodas habitan en Nova Zelandia porque con ferramentas coma esta, case que podemos mirarlles o carné de identidade aos homes e ás mulleres que viven uns 20.000 km por debaixo de nós, e iso indo polo camiño más curto. Probade a situar as sete cidades galegas, por exemplo, e descubrir o que hai do outro lado do mundo. Pode ser unha maneira curiosa e divertida de comprendermos que, malia que na lingua común a palabra antípoda acabou por desenvolver un sentido figurado para nomear a quen é ‘totalmente oposto’ no pensamento, nos costumes etc., tamén se pode atopar unha “parte galega” en cada maorí, e viceversa. Non esaxeramos moito, por poñer dous casos, en Nova Zelandia tamén podemos encontrar rías como tal, e mesmo probarmos un viño de uva albariña cultivada por aló. Do noso lado: Galicia é a maior produtora a nivel peninsular de kiwi, que malia ser unha planta orixinaria de China (Actinidia chinensis) pode considerarse o “froito nacional” neozelandés e ten etimoloxía maorí.
 

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir