chíos de Twitter

Mira que enredamos e non porque nos metamos en leas, que tamén. Quen máis quen menos, botamos parte do noso tempo encerellados nas redes sociais. Facebook, Tuenti, Linkedin… e por suposto Twitter, o paxariño azul que sobrevoa o planeta conectando a milleiros de persoas. O símbolo vén polo significado da palabra en inglés: twitter tradúcese como ‘emitir os paxaros o seu son característico’, e tamén se emprega como substantivo para nomear o propio son.

Twitter, sobrepasados os 500 millóns de persoas conectadas en todo o mundo, é a rede que máis medra e produto desta expansión, xurdiu a necesidade de traducir ás diferentes linguas a interface da plataforma e tamén todo o léxico relacionado coas actividades que facemos nela. Para resolver isto, Twitter adopta unha estratexia interesante, xa que lle propón a cada comunidade lingüística que os usuarios e usuarias funcionen como tradutores. Os que queren colaborar publican as súas propostas  e as que mellor valoración acadan entre a xente son as que se acaban fixando.

Hai anos que se reivindicaba o funcionamento de Twitter na nosa lingua, e desde comezos de 2013 xa o podemos usar en galego. No proceso participativo consolidáronse solucións autóctonas tales como: chío, para cada unha das mensaxes dun máximo de 140 caracteres (tweet), e chiar co significado de ‘escribir un novo chío’. Cando se trata da ‘acción de  reproducir o chío que publicou outra persoa’, están funcionando dúas posibilidades: rechío (e os derivados rechiar, rechiado) e rechouchío (rechouchiar, rechouchiado). Cómpre lembrar que rechiar aparece no Dicionario como ‘producir unha cousa dura, ao rozar, un son áspero e desagradable’, isto é, un significado que non garda relación semántica ningunha co chío dos paxariños. Para alén disto, no DRAG só se inclúe o substantivo rechouchío (‘chío continuado dos paxaros’). Tendo en conta isto, é a xente quen ten a última palabra, ou o último chío.
 

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir