cicloxénese

Para comezar a falar da cicloxénese imos tentar primeiro establecer a súa etimoloxía. Esta é unha palabra composta por dous étimos de orixe grega, que chegan a nós a través do latín. En primeiro lugar xénese do lat. genĕsis, e este do gr. γένεσις co significado de creación, e ciclón do gr. κυκλῶν, participio activo de κυκλοῦν, arremuiñarse. Así que en conxunto este termo significaría xénese dun ciclón (depresión, borrasca, se nos referimos a latitudes medias ou extratropicais).

 

Pero o que máis aparece ultimamente nos diversos medios de comunicación é a expresión cicloxénese explosiva. A que se refire isto? Basicamente é unha cicloxénese que sucede dun xeito moi rápido e intenso. É dicir, a depresión pódese formar e facer máis profunda, converténdose nunha borrasca moi violenta e adversa en cuestión de poucas horas. O termo xeral usado para este tipo de fenómeno é “bomba” meteorolóxica. (Información extraída da páxina web de RAM. Revista de afeccionados á meteoroloxía)

Entón, por que nun país coma o noso, onde sempre chegaron fortes borrascas e a calquera hora estamos en alerta laranxa ou incluso vermella, estamos descubrindo isto da cicloxénese explosiva? Quizais estamos ante un efecto máis do “cambio climático”? Todo comezou a finais de xaneiro do ano 2009, cando o fenómeno meteorolóxico Klaus afectou toda a zona noroeste do territorio, ocasionando moitísimos estragos, tanto nas áreas poboadas coma nos montes e no mar, continuando o seu camiño polo Golfo de Biscaia, onde provocou varias mortes.

Despois deste suceso, a expresión foise popularizando, e así podemos atopar diversos exemplos nos xornais:
"Galicia recibirá na fin de semana o impacto dunha "cicloxénese explosiva" comparable ó Klaus do 2009" (El Correo Gallego, 25-2-2010)

Tamén aparece en diversos blogs dalgúns centros escolares.
 
E para rematar, o que dá idea de que unha palabra se vai consolidando nunha lingua é que se utilice metaforicamente, como aparece neste titular:
"Este proxecto de Chévere é unha cicloxénese explosiva" (La Voz de Galicia, ed. Barbanza 28-4-2012) 
 

 

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir