coeducación

Imaxe baseada nunha ilustración publicada por elquintopoder.cl

A violencia de xénero ou violencia machista é unha realidade non asumible para unha sociedade democrática. Son indispensables o debate e mais a revisión de supostos co obxectivo de orientar a acción para que se remate con esta eiva global. Arredor do 25 de novembro, Día internacional contra a Violencia de xénero, publícanse múltiples textos onde non falta a terminoloxía específica e tamén a actualización de voces xa instaladas na lingua pero que se abren a novos usos e acepcións. O pensamento crítico e as palabras evolucionan ao tempo que muda a realidade. Un dos vocábulos que reflicte estas mudanzas nos seus usos e que se abre a sentidos anovados é  coeducación, que nos últimos anos arrequeceuse cunha nova acepción: ‘método educativo que consiste en equilibrar as carencias específicas do alumnado que resultan da aplicación dos roles de xénero dominantes’.

A violencia de xénero ou violencia machista é unha realidade non asumible para unha sociedade democrática

Nun principio a reivindicación dunha escola mixta foi un obxectivo prioritario dos colectivos que loitaban pola igualdade de homes e mulleres. Foi unha medida decisiva e necesaria pero que co tempo se demostrou insuficiente. Xa que os rapaces e rapazas compartan unha mesma aula e itinerario educativo non chega para asegurar que a educación sexa equilibrada, entendendo o equilibrio como a compensación necesaria para reverter a desigualdade que se deduce dos roles sexistas. A formación específica do profesorado, a transmisión de contidos e valores de igualdade, acabar co uso sexista da linguaxe, recuperar e dar a coñecer as mulleres que destacaron nos diversos ámbitos ao longo da historia, compensar as carencias dos homes no que ten a ver coa atención emocional e a ética dos coidados ou as eivas das mulleres en canto a liderado –por nomear algunhas liñas concretas– supón atacar o problema da violencia de xénero pola raíz. E neste enfoque reside o fundamento que xustificaría un novo sentido para a palabra coeducación.

O concepto de coeducación creouse para representar, grazas ao prefixo de orixe latina (con- / com- / co-), esa idea da educación ‘a par’. As obras lexicográficas refírense ao termo como a “educación conxunta de alumnos de ambos os dous sexos” nos centros de ensino. Así podemos lelo no Dicionario e así o entenderíamos como equivalente a “educación mixta” –a denominación que se impuxo nos países anglófonos, mixed-sex education–. No noso ámbito, o debate pola escola mixta xurdira a finais do XIX e levou un proceso de implantación lento e dificultoso que non se veu xeneralizar ata o período republicano, entre 1931 e 1936. Con anterioridade, a norma común era a segregación do alumnado en razón do seu sexo, coas implicacións evidentes que esta medida supuña canto ao enfoque da educación e o coñecemento adquirido por uns e outras.

 

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir