coltan

Os minerais estratéxicos son aqueles que se empregan na industria polas súas características propias, as súas reservas son moi cobizadas polos países industrializados, e tamén unha fonte de ingresos para os produtores. Un destes produtos é a columbita-tantalita ou coltan. A finais dos 90, milleiros de persoas de todo o mundo afeccionadas aos videoxogos agardaban a saída ao mercado da nova consola Play Station 2. Vendéronse cento cincuenta millóns de unidades, un éxito inesperado que puxo a empresa nun apuro, pois o material necesario –coltan-  para fabricar os seus circuítos non era doado de conseguir. Foi unha das primeiras alertas da escaseza deste composto, hoxe imprescindible na electrónica de moitos aparellos tecnolóxicos, xa que con el se crean os condensadores que precisan os móbiles e outros produtos da industria aeroespacial, da do armamento, da nuclear, da cirurxía e un longo etcétera.

A palabra coltan xorde de xuntar as primeiras sílabas do nome dos dous minerais que integran este prezado material, a columbita e a tantalita. De feito a denominación empregada pola comunidade científica é columbita-tantalita, de xénero feminino. O termo que está validado polo Servizo de Terminoloxía para o galego. Este servizo sinala, tamén, que a forma coltan é froito da frecuencia de uso que axudou á súa lexicalización e dísenos que ten xénero masculino e acentuación grave como na maioría nas linguas próximas. Esta palabra emprégase con frecuencia nos últimos tempos, sobre todo polos medios de comunicación, por ser un material prioritario nas aplicacións habituais para o desenvolvemento tecnolóxico actual; mais por se vincular aos conflitos bélicos que xorden nun dos principais países produtores, a República Democrática do Congo, e ás precarias condicións laborais que soportan as persoas que se ocupan de extraer o ouro azul das minas, así como tamén polo impacto ecolóxico e mais os problemas de saúde asociados cos arcaicos métodos de explotación.

Curiosamente a única mina deste material que hai no sur e centro de Europa atópase en Ourense, a mina da Penouta en Viana do Bolo. Parece ser que se está a converter nun referente pola consecución dun mineral estratéxico, pero porque se obtén garantindo que está libre de conflitos e respectando os dereitos laborais e, por último, coa intención que os beneficios repercutan na súa contorna.

 

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir