derbi

Case todo os anos, a palabra inglesa derby copa as páxinas da sección de deportes dos xornais galegos, adaptada á nosa lingua como derbi. A histórica batalla entre o Celta e o Dépor poñen de relevo un termo que fala deste e outros enfrontamentos "de altura", e que conta xa cun valor máis ca consolidado por moitos anos de uso, en moitas linguas modernas a nivel internacional, para se referir a un encontro entre dous equipos rivais en calquera deporte.

Derby é a capital do condado inglés do mesmo nome, onde en 1780 lord Hertley Durham, duodécimo conde de Derby, organizou unha fastosa carreira de cabalos para celebrar o seu matrimonio con lady Elizabeth Hamilton. O evento tivo tanta repercusión que desde aquela non deixou de se celebrar no barrio de Epsom os primeiros días de xuño de cada ano, entendido xa non só como unha carreira equina senón como unha gran festa, o Derby’s Day.

Se cambiamos as ferraduras por botas de tacos e, no canto de pamelas e cócteles, poñemos bufandas e bucinas, xa empezamos a adiviñar o sentido da extensión de significado para esta palabra. E xa que nas competicións deportivas comezou a pesar cada vez máis ese carácter lúdico e de reunión social, non estraña que, desde comezos do século pasado, en Europa triunfara rapidamente o uso de derbi con este sentido, principalmente para o fútbol, entre nós o deporte ‘de masas’ por excelencia.

En sentido restrinxido, o derbi é un enfrontamento entre dous equipos locais, da mesma cidade ou rexión pero tamén é moi habitual usar este nome para falar dun partido entre dúas formacións de nivel, cunha forte rivalidade histórica, o que tamén se coñece como "un clásico". 

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir