desafiuzamento

Desde o ano 2008, que moitos propoñen como data de inicio nos EE.UU da crise económica global que hoxe padecemos, e con moita máis intensidade aínda nos últimos tempos, todos os medios de comunicación refírense constantemente ás devastadoras consecuencias da actual situación económica. A elevadísima taxa de desemprego, o desbordamento dos comedores sociais e outros servizos de atención e as familias que día si, día tamén, quedan sen fogar por mor dos desafiuzamentos, compoñen a cara máis amarga desta realidade.

O substantivo desafiuzamento constrúese sobre o verbo afiuzar engadindo o prefixo de negación des-  e mais o sufixo -mento, que ten unha moi alta rendibilidade en galego na creación de substantivos de acción e efecto a partir de formas verbais.

Afiuzar provén de fiúza, sinónimo de confianza, que ten a súa orixe etimolóxica no latín fiducia, ae. Por vía culta, temos en galego outros resultados para este étimo, por exemplo fiduciario. O vínculo entre o uso actual da palabra e a súa orixe latina enténdese se pensamos que a obriga de abandonar a casa é dalgunha maneira o resultado de que os desafiuzados perderan a confianza depositada neles ao non poderen cumprir o contrato acordado; aínda que, se se trata de fiúza, habería que preguntarse que pasa coa que moitas persoas depositaron na súa entidade bancaria.

O mesmo sentido da relación confírmase para a outra acepción de desafiuzar que recolle o Dicionario da Academia, neste caso do ámbito médico: “declararlle un médico a un enfermo que a súa enfermidade é incurable e que non vai sobrevivir”, isto é, dáse por desafiuzado un paciente cando se perde toda a confianza en que poida haber unha recuperación para el.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir