dothraki

Para estes meses de verán, escollemos unha serie de linguas que teñen todas elas en común o feito de seren construídas, ou sexa, que non son o resultado dunha evolución histórica senón que foron creadas ben artificialmente, ben por contacto, cun fin determinado ou por unha necesidade comunicativa concreta. Cada semana, coñeceremos quen foron os seus inventores, para que as crearon ou como xurdiron e canto éxito obtiveron, ademais doutros detalles curiosos sobre elas.

 

As linguas construídas (conlangs) que eliximos son:

o esperanto, o ido, o novial, o interlingua, o volapük, o sabir, a lingua geral, o klingon e o dothraki.

O dothraki.

Dothralat significa ‘correr’ na lingua da tribo indíxena dothraki de Xogo dos tronos, que podería traducirse daquela como ‘os corredores’, e que acabou sendo tamén o nome do seu idioma.

As primeiras frases e palabras do dothraki puideron coñecerse na serie de novelas de George R. R. Martin, Canción de xeo e fogo, en que se basea a adaptación televisiva, pero posteriormente foi o californiano David. J. Peterson o encargado de enriquecer as achegas de Martin, multiplicando o léxico e mais desenvolvendo a estrutura gramatical, e non foi esta a primeira vez que aplicou os seus coñecementos como lingüista para crear unha linguaxe artificial, xa que deseñou ata dez códigos máis antes de concibir a lingua para o Xogo dos tronos, convertida nun fenómeno mundial. Grazas a este éxito, Peterson logrou facer do seu hobby un medio de vida na Language Creation Society, organización sen ánimo de lucro que coordina o labor de diferentes creadores de linguas profesionais e que actúa de intermediaria entre estes e os posibles clientes, por exemplo, os guionistas ou directores de películas e series de televisión.

A clave para distinguir unhas linguas construídas doutras é a finalidade con que foron concibidas, xa que isto condiciona a estrutura gramatical, o vocabulario, a aparencia fónica e tamén as fontes. No que se refire ao léxico, por exemplo, para os guerreiros dothraki é impensable falar do teléfono móbil pero si precisan dunha ampla terminoloxía para todo o que teña que ver cos cabalos, o seu principal medio de transporte e o seu sinal de identidade. Se no noso caso o obxectivo é actualizar permanentemente o léxico para cubrir as necesidades esixidas por unha lingua plenamente normalizada, que poida empregarse en calquera ámbito, o vocabulario do dothraki terá que prescindir das palabras propias dos contextos comunicativos máis modernos para centrarse no característico da vida dunha tribo nómade arcaica.

A idea de Peterson era construír un idioma “incomprensible” pero “plausible”, isto é, que ao escoitalo puidese pasar por unha lingua natural, e mais que ofrecese unhas posibilidades semellantes. Por esa razón, alén de nas indicacións orixinais do autor da serie de novelas, para darlle forma ao dothraki, Peterson inspirouse en idiomas europeos como o ruso e o estonio, nas linguas dos inuits e tamén no suahili.

 

Comprobade vós mesmos se se conseguiu o propósito de que as palabras do dothraki poidan pasar por unha lingua natural nestas frases que o khal Drogo lle dirixe á súa esposa, a khaleesi Daenerys:

“Atthirarido che yeri che anni…

Anha vo nesok.

Jini qafe ha mahrazhea ville ma qorasoa reddi.

Yer jalan atthirari anni.

Haz nesak anha disse, ma anha zigerok nesat vos alikh.

Ma hash jini atthirarido, hash anha vaddrivak mahrazhes fin kis vallatha anna.”

“O teu ou o meu soño…

eu non sei.

Esas cuestións son para os sabios de brazos fracos.

Ti es a lúa da miña vida.

Iso é todo o que sei e todo o que preciso saber.

E se iso for un soño, matarei o home que tente acordarme.”

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir