emprendemento

Esta palabra é un tecnicismo propio da linguaxe económica que se incorporou á lingua común, especialmente a raíz do estalido da crise en 2010, como se comproba na prensa diaria dese momento. Alude a unha ‘corrente de pensamento que no ámbito empresarial avoga pola capacidade do emprendedor’, “o que ten iniciativa para empezar a facer algo” e abrir propostas de negocio innovadoras con recursos propios, conseguindo o éxito profesional.

Emprendemento é un derivado deverbal sobre emprender, “empezar a facer con decisión unha cousa que pode presentar certas dificultades”, ao que se lle engade o sufixo –mento, de emprego frecuente para formar substantivos de acción. O verbo procede do latín imprahendere, que significaba ‘tentar executar unha tarefa’, enténdese que complicada en si mesma ou por un contexto adverso.

No século XX, os economistas foron os primeiros en decatárense da importancia do emprendemento e quereren analizar a súa influencia na economía dunha sociedade. En concreto, o austrohúngaro Joseph Alois Schumpeter é quen, nos anos 30, demarca o concepto (en alemán unternehmergeist) como a teoría sobre quen é capaz de xerar os seus propios recursos sen necesidade de depender dun Estado custodio, mediante o fortalecemento de procesos de traballo que repercutan na sociedade e que vaian máis alá do empresario clásico, pola súa innovación e a transformación das condicións existentes.

Na evolución semántica da palabra emprendedor nas linguas románicas nunca desapareceu este matiz de ‘oposición a unha dificultade’. Así, o termo francés entrepreneur  ‘pioneiro’ atribuíaselles aos que marchaban ao novo mundo á aventura e posteriormente desenvolveu unha significación vinculada co feito de facer fronte á incerteza económica con novos proxectos empresariais.

Atopamos unha variante, o emprendemento social, que pretende darlles resposta ás necesidades sociais poñendo coñecementos, capacidades e recursos ao servizo da comunidade, por medio de iniciativas empresariais onde se prima o beneficio xeral sobre o económico.
 

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir