equinoccio

A Terra non para quieta, xa o dicía Galileo, aínda que repite o mesmo camiño unha vez e outra, así que, dando a súa volta anual arredor do Sol, hai dous momentos en que a posición do astro coincide co plano do ecuador terrestre. Neses intres prodúcense os equinoccios, cando os dous polos do planeta están á mesma distancia da nosa estrela solar, o que determina que a súa luz se reciba por igual nos dous hemisferios terrestres. Ocorre cada seis meses e nun instante temporal moi reducido, se ben é aplicado xeralmente en sentido máis amplo, de xeito que se inclúe o día enteiro e mesmo as datas próximas.

Outra consecuencia é que nas datas dos equinoccios os días e as noites duran o mesmo. Precisamente deste detalle procede a denominación do fenómeno, xa que a voz latina da que a tomamos, aequinoctium, formouse pola combinación de aequum (‘igual’) e noctem (‘noite’), ou, o que vén sendo o mesmo, ‘igualdade dos días e das noites’.

Tendo en conta o calendario gregoriano o que nos rexe, este fenómeno astronómico ten lugar todos os anos sobre o vinte e un de marzo e o vinte e dous de setembro. No primeiro dos casos, o Sol pasa de sur a norte no plano ecuatorial e comeza a nosa primavera. É o que se coñece tamén como equinoccio vernal. Na segunda data mencionada, o Sol cruza o plano de norte a sur e aí arranca o outono para nós. Tamén se chama equinoccio outonal.

No mar, as datas próximas aos equinoccios son propicias nalgunhas zonas para que se produzan axitacións importantes, de aí que para os mariñeiros tradicionalmente adquirise esta palabra o sentido de ‘temporal forte’ e mesmo se pasase a utilizar, tamén en terra, de xeito figurado, como ‘situación caótica’ ou ‘desfeita’.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir