exoplaneta

Representación artística dun exoplaneta semellante á Terra. © NASA/Ames/SETI Institute/JPL-Caltech

Está previsto que na próxima edición do Dicionario se inclúa como entrada o termo exoplaneta, que terá como definición algo parecido a “corpo celeste similar a un planeta, que orbita arredor dunha estrela fóra do sistema solar” ou outra equivalente. Trátase dun termo de uso recorrente no ámbito científico e, dado que non resulta problemático nin a nivel morfolóxico nin tampouco semántico, é previsible que se asente definitivamente no léxico da especialidade. Segundo os cálculos máis recentes –outubro de 2016–, polo de agora hai 3.532 exoplanetas rexistrados, desde que en 1995 se producise a primeira confirmación oficial, a de 51 Pegasi b.

O novo termo orixínase da prefixación de exo-, que significa ‘exterior’, á palabra planeta, que procedería dun adxectivo que os gregos  da antigüidade empregaban co significado de ‘errante, vagabundo’(debido a que se movían polo ceo nocturno, en contraste coas estrelas, que eran fixas), derivado do verbo planáo, planaszai, que significa ‘desviarse do camiño certo, extraviarse’; engádese o sufixo  –(e)ta, que se utiliza para formar nomes denotando estados e que aparece noutros helenismos como poeta, profeta, cometa ou en  iconoclasta e baptista. Cómpre considerar, porén, que a Unión Astronómica Internacional define os planetas só respecto ao Sol, polo que ironicamente un exoplaneta non é un planeta no seu sentido técnico.

Nos medios de comunicación, apareceron recentemente noticias relacionadas co denominado KOI-4878.01, un exoplaneta cunha masa e un raio análogos aos da Terra, e outras características (temperatura, densidade, gravidade) que fan que o seu IST (Índice de Similitude coa Terra) sexa do 98%. A súa localización está fóra do sistema solar, a máis de mil anos luz de distancia, orbitando unha estrela anana amarela, da que mantén a separación suficiente como para que fose posible a presenza de auga líquida na súa superficie, unha condición necesaria para que se tratase dun lugar habitable potencialmente.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir