feminicidio

Múltiples estatísticas amosan que é máis probable que unha muller de entre 15 e 44 anos morra por causa dun feminicidio ca por un accidente de circulación, unha guerra, o cancro ou a malaria.

O termo feminicidio (femicide) comeza a empregarse no ámbito anglosaxón a partir dos anos 70. A escritora e activista surafricana Diana Russell utilízao por primeira vez perante unha institución internacional, o Tribunal sobre os Crimes contra a muller en Bruxelas, no ano 1976, e acada axiña unha ampla difusión en publicacións, ensaios e logo na fala, impoñéndose a outros termos alternativos, de significado semellante, como xenericidio (gendercide).

Morfoloxicamente, pode ser homologable a outras formas recoñecibles pola terminación –cidio (do latín –cidium ‘acción de matar e o seu resultado’, derivado do verbo caedere ‘cortar árbores’, ‘botar abaixo’),  cun antecedente propio onde se especifica o tipo de crime: homicidio, uxoricidio, xenocidio, infanticidio, fratricidio, matricidio etc. No caso de feminicidio, a primeira parte do composto xustificaríase sobre o latino femina, –ae, que chegou ata a lingua actual con idéntico significado.

Feminicidio non figura no Dicionario aínda e polo de agora non houbo pronunciamento normativo sobre esta palabra, mais é común vela nos medios de comunicación. A definición podería ser a de “asasinato dunha muller polo feito de selo”, como se recolle nos códigos penais de diferentes países que o inclúen como figura xurídica, coincidindo co expresado pola Corte Interamericana de Dereitos Humanos. A antropóloga e activista mexicana Marcela Lagarde –pioneira na introdución desta palabra no dominio lingüístico latino–, argumenta un sentido máis amplo do feminicidio que comprende o conxunto de violacións dos dereitos humanos fundamentais das mulleres.

O debate sobre o termo feminicidio proxéctase en diversos ámbitos, fóra do estritamente lingüístico. En particular, no terreo xurídico-político, no mes de setembro de 2015, presentouse no parlamento galego unha proposta para incluír o termo na lexislación e elaborar un estatuto de vítimas para as mulleres que sofren violencia de xénero.

Proba do interese por esta nova voz foi que na edición de 2015 da Palabra do Ano, feminicidio foi a segunda palabra máis votada polos participantes na iniciativa.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir