ioió

Para quen gozou ou goza deste enredo, moita mágoa lle dará ter que emparentalo coas subidas e baixadas de peso recorrentes ou cos rebotes de determinados valores en economía. Estamos a falar do efecto ioió, frase que se basea na palabra que representa un “xoguete constituído por dous discos unidos por un eixe no que se envolve un cordón polo que sobe e baixa o aparello, grazas a distintos movementos”, e que se utiliza para denominar certos efectos indesexados dos réximes de adelgazamento e do consumo de substancias aditivas, así como tamén no ámbito da economía en alusión á oscilación dos valores bolsistas ou dos tipos de xuro.

Ioió é unha palabra eufónica, que pode asemellar á linguaxe infantil, o mesmo que outros divertimentos para nenos levan tamén nomes que imitan sons repetidos, como é o caso do ruxerruxe ou o bambán. Porén a súa orixe é confusa e manéxanse tantas hipóteses coma lugares do mundo onde é coñecido este aparello. Moitos dan por certo que o seu berce é filipino e que tamén o nome procedería do tagalo, ou algunha outra lingua autóctona das illas, co significado de ‘ven aquí’. Mais o certo é que existen evidencias de que unha versión primitiva deste enredo servíalles de entretemento aos antigos gregos hai máis de 2500 anos, e parece que en China incluso os membros da dinastía Ming eran afeccionados a xogar cun requintado modelo feito con marfil e fío de seda. Do século XVIII datan acuarelas hindús nas de que se representa o ioió e tamén en distintas cortes europeas era sonado nesta altura, particularmente en Francia, de aí que algúns aseguren que a etimoloxía da palabra habería que rescatala do francés jouer, ‘xogar’.

O mesmo que polo seu fío sobe e baixa o ioió, tamén a popularidade deste xoguete pasa por momentos de maior ou menor intensidade pero nunca desaparece de todo desde que nos anos trinta do século pasado se convertera nun trebello de masas nos Estados Unidos, logo de que un inmigrante filipino creara a Flores yo-yo Company, a primeira en comercializalos en California e que pronto conseguiu un enorme éxito. En 1932 o yo-yo pasou a ser marca rexistrada, impoñéndose sobre outras denominacións moi anteriores como bandalore ou quiz, e desde aí adaptouse con moi pouca variación nas diferentes linguas europeas: ioiô no portugués, yoyó no español,  io-io para o catalán, italiano iò-iò, francés yo-yo e alemán jo-jo. Así que, por máis graza que nos faga, a historia e a etimoloxía da palabra non dan motivos para rebautizala co nome que o trebello da imaxe que acompaña este texto leva impreso.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir