irmandade

Fotomontaxe con nenos e nenas do IES do Carballiño e fotografía histórica membros das Irmandades no Día da Patria de 1930 en Vigo.

2016 foi o Ano das Irmandades da Fala, coincidindo co centenario da súa fundación. Coñecendo o sentido que impulsou a súa actividade e mais a súa maneira de facer, non queda dúbida de que irmandade é a mellor palabra que puideron escoller para se presentar á historia. Os seus membros tratábanse entre deles de irmáns, e con ese apelativo figuraban nos seus carnés, a xeito de contestación simbólica contra a oficialidade establecida.

Irmán e irmá mantiveron na nosa lingua o significado de “persoa que, respecto doutra, é filla dos mesmos pais”. Ende ben, no latín clásico as palabras que cubrían inicialmente este significado eran frater, para o masculino, e soror, para o feminino, as cales perduraron no idioma por vía culta, nos termos fraternidade e sororidade. Aínda en época latina, foi outra voz, o adxectivo germanus -a -um, a que acolleu os usos que en orixe correspondían a frater e soror, e fíxoo por redución da expresión recorrente frater germanus, que podería traducirse por “irmán auténtico”, entendido como “irmán de nai e de pai”.  O sentido partía, en último caso, do verbo gignere, que tiña, entre outras, a acepción de ‘enxendrar’.

Irmandade  comeza a aparecer arredor do segundo decenio do século XV, en documentos notariais, principalmente como unidade administrativa, como federación de municipios. E posteriormente arredor desa idea básica de ‘unión’ ou ‘relación estreita’ xurdirán novas acepcións, relativas xa á “asociación de persoas que teñen os mesmo ideais, a mesma crenza en determinada materia”, que é o valor con que a recuperan os membros das Irmandades da Fala.

As Irmandades da Fala déronlle sentido colectivo ao proxecto de dignificación plena da lingua e cultura propias, así como unha orientación de futuro nacional á nosa realidade nos plano social e político. Neste enfoque múltiple e mais na súa condición colectiva radica a importancia e singularidade histórica de irmandade, referente que a día de hoxe segue en plena vixencia. Que irmandade fose escollida Palabra do Ano 2016 só vén confirmalo.

Vídeo da exposición Saúde e Terra, Irmá(n)s!, programada en 2016 con motivo do centenario da data fundacional das Irmandades da Fala.

O guión e coordinación deste vídeo foi responsabilidade de Pepe Barro, comisario da mostra.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir